JDI presenta paneis de ultra alta definición para tablets

xoves, 24 de abril do 2014 Marcus Fernández

Dá a impresión de que teremos que afacernos a ver pantallas de alta densidade nos vindeiros meses, pois Japan Display (JDI) vén de presentar o seu novo panel LCD de 10,1 polgadas de ultra alta resolución (3.840 x 2.160 píxeles) o que permitirá que nos vindeiros meses vexamos que varios tablets incrementen a súa resolución de pantalla para ofrecer a cada vez máis habitual resolución coñecida como 4K.
JDI xa contaba cun panel de ultra alta definición de 12,1 polgadas, pero con esta versión máis cativa consegue elevar a densidade de píxeles aos 438 puntos por polgada, abrindo novas posibilidades aos dispositivos móbiles, que poderán amosar moita máis información en pantalla, así como ofrecer unha meirande nitidez nas imaxes. A compañía xaponesa tamén asegura que o novo panel con resolución 4K tería o mesmo consumo que os actuais paneis do mesmo tamaño cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles, dando a entender que este salto tecnolóxico non tería desvantaxes.

PUBLICIDADE