PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Investigadores vascos empregan teléfonos móbiles para axudar a persoas con problemas de memoria

luns 26 de xullo do 2010, por Fernando Sarasqueta | | Compartir en Tuenti | Compartir |

As novas tecnoloxías da información non sempre son os novos métodos de escravización persoal dos que nos soen falar os medios que, casualmente, máis compiten con aquelas. Ás veces, mesmo poden servir para comunicármonos, e noutras, até para axudarnos a deixar atrás determinadas doenzas. Este das redes como terapia de rehabilitación é o alicerce dunha iniciativa posta en marcha hai uns cantos anos en Bilbao, máis polo miúdo no Servizo de Dano Cerebral do Hospital Aita Menni. O proxecto, que xa ten quince anos, consiste en tirar partido das novas ferramentas da comunicación para mellorar a memoria das persoas con problemas para reter recordos. A iniciativa apóiase sobre todo na combinación de móbiles e rutina de uso, substituíndo os primeiros o papel que até hai ben pouco desenvolveron as axendas como axudas externas para os doentes.
Segundo apunta Ignacio Quemada, psiquiatra e xefe do dito servizo médico, “os móbiles son perfectos para esta terapia, posto que poden adaptarse para seren empregados de maneira moi simple, permitíndolle ao usuario pórse en contacto con familiares, pedir axuda en caso de perderse, lembrar citas, ter gravados datos como o enderezo ou o número de conta corrente”. A liña de traballo vese favorecida ademais pola fabricación de aparellos con teclas grandes e opcións prechamada.
Este uso social e médico dos teléfonos apóiase ademais noutra vantaxe externa: o espallado que está o seu emprego, cousa que favorece a súa integración no eido das persoas con diversidade funcional. Con todo, o móbil non é o único trebello que se usa dende deste servizo médico: “en Aita Menni contamos cunha ampla gama de aparellos para os diferentes tipos de discapacidades, como por exemplo fitas de marcha con suspensión de peso, bipedestadores, cadeiras eléctricas, formas alternativas de acceder ao computador, comunicadores ou pantallas táctiles”. Todo isto, informan, facilita en diferentes graos a vida destas persoas. Por se a listaxe de trebellos fose breve, está previsto nun piso piloto da localidade de Mondragón a posta en marcha de medidas tecnolóxicas encamiñadas a mellorar a calidade de vida de todo tipo de doentes, posibilitándolles entre outras cousas o control do fogar dende o ordenador.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS