Investigadoras da UVigo publican un libro no que se amosa o enorme potencial das TIC para os nosos tradutores
luns, 22 de setembro do 2014
- As profesoras Marta García e Maite Veiga
Abeirado ao ámbito da
Universidade de Vigo, vén
de ver a luz un libro que acubilla diferentes puntos de vista sobre
tradución audiovisual e localización web. Trátase de Tradución
multimedia: diversas pantallas, enfoques diversos, publicación
que vén da man das docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución
Mª Teresa Veiga e Marta García e que, entre outros piares, apóiase
sobre sobre unha realidade que semella estar aquí para ficar e
medrar: a tradución multimedia xa non se limita só á dobraxe e ao
subtitulado de series e filmes, senón tamén a ámbitos novos como
os videoxogos, as páxinas web, os programas informáticos e as
ferramentas móbiles. O libro que presentan María Teresa e Marta
diríxese en boa medida a “facer agromar estas novas contribucións”
e a dar voz aos nosos investigadores que se estableceron
nelas.
O libro, unha obra
colectiva, acubilla artigos de antigas alumnas e alumnos do Máster
en Tradución Multimedia e tamén de profesores asociados da
Facultade de Filoloxía e Tradución. A obra basea un dos seus puntos
fortes en atreverse a acometer unha paisaxe case infinita: o gran
mundo de posibilidades que se abre aos tradutores coa Sociedade da
Información, as novas tecnoloxías, as redes sociais e o
afianzamento de dispositivos de última xeración a todos os niveis.
Dito doutro xeito: a demanda de produtos dixitais de todo tipo que se
ofrezan no meirande número de idiomas é unha demanda que medra con
cada segundo que pasa. Na liña de dala a coñecer sitúase un dos
artigos presentes no libro, da investigadora Mercedes Rodríguez, que
analiza o proceso de localización das numerosas aplicacións
desenvolvidas para Android, centrándose especialmente no uso de
ferramentas de balde, libres e multiplataformas. Segundo fai saber
Mercedes Rodríguez, “a enorme rapidez coa que avanza esta
tecnoloxía e o enorme crecemento que están experimentando todos os
mercados asociados a ela fan prever que a localización para
dispositivos móbiles acadará, nos vindeiros anos, unha cota moi
importante dentro do mercado global da tradución”.