Innterconecta 2015 mobiliza 110 millóns para impulsar a innovación das nosas empresas

mércores, 20 de maio do 2015 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) acolleu hoxe a presentación da nova convocatoria (2015) do programa FEDER-Innterconecta, unha iniciativa de raizame europea e participada polo Goberno galego para financiar proxectos innovadores a través da cooperación entre empresas e centros tecnolóxicos e cuxo orzamento para as entidades galegas, este ano, é de 110 millóns de euros en formato de subvención. A xornada foi inaugurada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, que comezou salientando a razón de ser de Innterconecta e da participación activa do Goberno autonómico: contribuír a facer da innovación un hábito nas nosas empresas.
Asemade, fixo un percorrido polas diferentes edicións do programa (dende 2011) destacando que os resultados “non podían ser mellores”. E engadiu: “Nas diferentes convocatorias acadamos a cifra de máis de 400 empresas galegas concorrendo nelas”.
Ao seu xuízo, o principal valor de todo este esforzo é sen lugar a dúbidas “un intanxíbel”. Este, sinalou, non é outro que a cooperación: a cooperación entre múltiples frontes e trazando pontes entre o público e o privado, entre centros tecnolóxicos e empresas, entre empresas e empresas, entre sectores, entre administracións e administracións.
Segundo engadiu, Innterconecta é “unha oportunidade para consolidar o liderado innovador das empresas galegas”. Para isto, dixo, contarase co apoio do Estado, a través do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), favorecendo proxectos innovadores nos que colaboren empresas de varias Comunidades Autónomas,
Sobre as iniciativas galegas que se converteron en realidades grazas ao financiamento de Innterconecta e as súas sucesivas entregas, o conselleiro citou proxectos como o desenvolvemento da primeira vacina contra a cistite; o proxecto Magallanes, botando en Redondela un revolucionario trimarán capaz de xerar enerxía mareomotriz; ou un sistema de xestión de biotoxinas mariñas, atacando un problema recorrente das nosas rías. Conde tamén resaltou a posta en marcha de achegas de innovación aberta inspiradas no programa europeo, como o Conecta PEME, co que busca trasladar eses beneficios á pequena empresa replicando o mesmo modelo do Innterconecta, e que mobiliza 50 millóns de euros; ou as Unidades Mixtas de investigación, que mobilizan outros 70 millóns atraendo a grandes compañías como Repsol, PSA, Esteve ou Gas Natural Fenosa para innovar en Galicia.

PUBLICIDADE