Innovation Startup Vigo Camp pecha primeira edición con tres sorprendentes ideas de negocio TIC

venres, 27 de febreiro do 2015 Redacción

A primeira edición da iniciativa Innovation Startup Vigo Camp pechou este xoves amosando en detalle tres innovadoras ideas de negocio. Foron, segundo indican os responsábeis do programa de emprendemento, sete semanas de “intensa convivencia e exhaustiva formación” no que participaron quince futuros empresarios, recentemente titulados universitarios. No acto de clausura, os mozos recibiron os seus diplomas da man da delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, o presidente da Cámara de Comercio de Vigo, José García Costas e Javier Collado, director xeral de INCYDE xa que o proxecto, que xa se está a difundir arestora a outras cidades, é froito da colaboración entre este tres institucións.
Segundo indican os organizadores, o punto de partida foron corenta ideas iniciais. A partir de aí, os participantes foron abandonando unhas e perfilando outras até que finalmente foron sete as ideas de negocio das que tres se presentaron este xoves e sobre as que o comité organizador deliberará sobre cal delas obterá o premio dun ano de permanencia de balde no viveiro de empresas de Porto do Molle, en Nigrán.
Por unha banda presentouse Effitree, que é unha árbore con paneis solares que serve para cargar móbiles e que se pode instalar en parques e xardíns públicos. O sistema acompáñase dun primeiro modelo de negocio (entre outros modelos) no que, durante o tempo de carga, aparecería no móbil publicidade de compañías de telefonía.
A maiores, deuse a coñecer unha aplicación para pulseiras que, co nome de Humanometrics, serve para rexistrar as sensacións que un usuario poida ter ao longo do día. Estes datos, cruzados coas diferentes actividades realizadas durante ese tempo, proporcionarían información sobre que tarefas fanlle a un sentirse mellor.
Pola súa banda, Neuropsycology foi o terceiro proxecto presentado, unha iniciativa dirixida a axudar a persoas que sufriron un accidente cerebral. Esta app para exercicios de rehabilitación (e que se soporta sobre unhas luvas e unhas lentes), xera unha realidade virtual que reproduce as tarefas que se teñen que desenvolver na vida diaria. Segundo se fixo saber, os integrantes do equipo que deseñou este proxecto xa teñen unha cita para presentar o seu traballo a vindeira semana nun instituto de neuropsicoloxía de Barcelona.
Os quince participantes deste campamento seleccionáronse entre un gran número de candidatos de diversas titulacións e distintos puntos de España. Grazas ao programa, tiveron aloxamento nun establecemento hostaleiro de Nigrán e gozaron da oportunidade de traballar en sesións desenvolvidas no espazo de coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle. Ademais, puideron participar en xornadas que tiñan como obxectivo activar as súas habilidades empresariais. “Sobre un obxectivo de chegar a deseñar tres startups de alto contido innovador”, sinalan os organizadores do evento, “os participantes aprenderon a traballar en equipos multidisciplinares, a converter as necesidades dunha contorna en oportunidades de negocio e sobre esas bases chegar a constituír empresas”. Cun orzamento de 60.000 euros, o programa tirou proveito do financiamento achegado polo propio Consorcio da Zona Franca e polo Fondo Social Europeo a través da Fundación INCYDE.
No campamento, os futuros empresarios contaron coa axuda dun equipo de mentores formado por expertos en diferentes áreas da empresa. Ademais dos seminarios de formación, os participantes tamén asistiron a eventos de networking con emprendedores e profesionais innovadores, e visitaron as instalacións de PSA Citroën Vigo, a fábrica de Inditex, o centro tecnolóxico AIMEN, a Escola de Negocios AFundación e a Fundación Juana de Vega en Oleiros, ademais de participar na quinta edición do Lacon Network, coñecer o Centro de Emprendemento do Gaiás ou afondar no programa da aceleradora de empresas e emprendedores ViaVigo.

PUBLICIDADE