Ineo participará como experto externo na avaliación dos proxectos a financiar polo Fondo i2C
xoves 19 de xaneiro do 2012, por |

- Consello da Xunta no que se aprobou a activación do fondo de capital de risco, o pasado mes de novembro
A asociación empresarial Ineo, centrada no impulso do noso tecido TIC,
vén de confirmar que formará parte da avaliación de proxectos do Fondo i2C de
capital risco, máis polo miúdo en calidade de experto externo. Este acubillo
orzamentario, promovido pola Consellería de Economía e dotado de 20 millóns de
euros, diríxese
a crear e máis a impulsar proxectos empresariais de alicerce tecnolóxico
que teñan un forte ingrediente de innovación e investigación e que requiran,
polo tanto, de apoios para converterse en realidade. O Fondo, recórdanos Ineo,
forma parte do Plan galego de I+D (i2C) para os vindeiros anos.
O papel de Ineo, actuando como experto interno
membro do Comité de Investimentos e da Comisión de Control do dito Fondo,
consistirá en liñas xerais nunha achega de propostas de financiamento ou
desinvestimento para a súa aprobación posterior de mans do órgano correspondente
de XesGalicia, que é a sociedade xestora do Fondo. Amais disto, a asociación
galega participará na supervisión e seguimento dos investimentos realizados.
En palabras de Jorge Cebreiros, presidente de
Ineo, estamos ante unha nova confirmación da relevancia da entidade empresarial
no impulso xeral da nosa economía. “Con
esta participación”, di, “non só
afianzamos a Ineo como referente empresarial do sector TIC, senón que tamén
contribuímos ao desenvolvemento dunha ferramenta de financiamento excepcional
para as empresas TIC con sede en Galicia”. E continúa: “O feito de que exista na nosa Comunidade un
fondo de capital risco que faga prevalecer os investimentos en iniciativas
empresariais de base tecnolóxica é unha oportunidade grande que non deben
deixar fuxir as PEME que operan en sectores estratéxicos da nosa economía,
incluído o sector TIC”.
Como dixemos, o Fondo en cuestión está
impulsado pola Consellería de Economía, no marco do Plan de I+D (i2C)
2011-2015, sendo este acubillo orzamentario, en palabras da Xunta, unha
iniciativa pioneira en Galicia, xa que “impulsará
a creación e posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica con
forte compoñente I+D+i”. O fondo financiará iniciativas de innovación nas
nosas pequenas e medianas empresas pertencentes aos denominados sectores
estratéxicos, entre o que se conta o que nos toca máis de preto: o sector das
novas tecnoloxías da información. Tamén se fará especial fincapé en eidos como
o da biotecnoloxía, a nanotecnoloxía, a sanidade, a educación, a seguridade e
as enerxías alternativas.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















