Industria encamiñou 52 millóns en axudas para estender a banda larga de alta velocidade

mércores, 26 de novembro do 2014 Redacción

Logo de dar a coñecer o volume de incentivos para a industria dos videoxogos, o Ministerio de Industria comunicou hoxe o importe total das axudas que destinou á extensión da banda larga de alta velocidade. Trátase dunha contía de 52 millóns de euros, coa que se benefician os proxectos presentados á convocatoria 2014 do programa de extensión de banda larga de última xeración (7 millóns en subvencións e 45 millóns en préstamos), un programa inserido na Axenda Dixital de España.
O obxectivo destes incentivos, sinala Industria, foi o de “acelerar o despregamento da cobertura das redes públicas de comunicacións electrónicas con capacidade para proporcionar servizos de banda larga de alta velocidade (30 Mbps ou superior) e de moi alta velocidade (100 Mbps ou superior) nas zonas sen cobertura actual nin prevista no vindeiros tres anos, denominadas zonas brancas NGA”. Con estas medidas, engade, “búscase reducir a fenda dixital, facilitando o despregamento en áreas xeográficas nas que sen axudas públicas non resultan rendíbeis para os operadores”. As axudas concédense a un total de 27 beneficiarios, para a realización de 64 proxectos de ampliación de cobertura de banda larga de nova xeración, en 613 municipios pertencentes a 14 Comunidades Autónomas.
Deles, 38 proxectos son de despregamentos de fibra óptica até o fogar, con obxectivos de cobertura que totalizan 301.000 unidades inmobiliarias (fogares e locais empresariais). Outros 15 proxectos son de fornecemento de ligazóns de backhaul, que co posterior despregamento da última parte da rede de acceso, estenderán a cobertura a 452.000 fogares. Finalmente, os restantes 11 proxectos son de despregamento de redes de acceso baseadas en sistemas radioeléctricos de última xeración, con obxectivos de extensión de cobertura de banda larga a 30 Mbps a 5.000 fogares que carecen dela. Estas axudas cofináncianse co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

PUBLICIDADE