Indra, Telefónica e as galegas Televés e Balidea darán forma ao Fogar Dixital da Consellería de Sanidade

martes, 22 de xullo do 2014 Redacción

A Consellería de Sanidade anunciou a adxudicación do subproxecto Fogar Dixital á coalición empresarial (UTE) integrada por Indra e Telefónica. Segundo informou o departamento da Xunta, “este subproxecto permitirá crear unha canle de acceso aos servizos sanitarios para os pacientes e os seus coidadores”. Ademais, ten como obxectivo dar forma a produtos e servizos innovadores, dispositivos e sistemas de información intelixentes “que soporten a comunicación de información sanitaria orientada á vixilancia e seguimento de patoloxías”. Neste senso, a tecnoloxía orientarase a achegar a atención a doentes de carácter crónico, aínda que tamén se deixan vieiros abertos para fomentar a prevención.
O sistema que se desenvolverá, en palabras da Consellería, “posibilitará dispor dunha canle bidireccional de comunicación entre o servizo de saúde e o paciente para enviar a este os recordatorios de autocoidados e boas prácticas que debe seguir para o coidado da súa doenza”. Igualmente fornecerá canles áxiles para que os facultativos e coidadores obteñan información útil das súa saúde –presión arterial, temperatura, peso, pulso, glicosa, etc.- e facilitar desta maneira o servizo se seguimento.
Lembrar que o proxecto InnovaSaúde, no que se enmarca Fogar Dixital, consta de 14 subproxectos de innovación que teñen por obxectivo xerar solucións para novos modelos de atención sanitaria cada vez máis centrados no paciente e nas súas necesidades. Na UTE formada por Indra e Telefónica participan tamén as empresas galegas Televés S.A. e Balidea Consuting and Programming S.L.

PUBLICIDADE