Increméntase o número de usuarios que descargan contidos ilegais en Francia
mércores 10 de marzo do 2010, por |
É moi posible que Sarkozy, o presidente
da República francesa creador da polémica Lei
de Creación e Internet, (a que prevé a desconexión dos internautas
reincidentes que descarguen contidos P2P) non coñeza o dito galego “non queres caldo?... tres tazas”, pero
dende logo xa o está a sufrir nas súas propias carnes.
Segundo vén de demostrar un estudo
realizado pola Universidade de Rennes (PDF),
o número de persoas que descargan contidos protexidos por dereitos de autor sen
autorización en Francia incrementouse un tres por cento nos tres meses
seguintes á aprobación do proxecto persoal do espilido presidente.
Malia que esta lei aínda non entrou
en vigor, a investigación demostra que que cada vez máis internautas adoptan
medios de intercambio alternativos ao P2P, a única práctica de descarga de
contidos non autorizados que contempla dita lei.
Asemade, o estudo afirma que o 15 por
cento dos usuarios de redes P2P deixaron de usalas tras a aprobación da lei,
aínda que destes últimos só un terzo afirma ter renunciado ás descargas.
Isto é asó porque o texto da lei ignora outros métodos cada vez máis estendidos de
intercambios de arquivos, como as descargas directas (en servizos como Rapidshare ou Megaupload), ou
o ’’streaming’’
non autorizado de material protexido. Precisamente, o informe divide aos “piratas” en “Hadopi” (usan P2P) e “non Hadopi”(utilizan outros métodos
non previstos pola lei).
Entre os internautas que seguen a empregar o P2P para as súas descargas, o 25
por cento recoñece que as súas prácticas cambiaron dende a aprobación da lei.
En total, o número de usuarios que descargan material protexido aumentou un 3
por cento nos tres meses posteriores á aprobación da Lei Hadopi.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















