Iñaki Quenerapú amosará en Cee como tirar o máximo proveito das novas tecnoloxías

martes, 30 de agosto do 2016 Redacción

A Academia Acerta Formación, con sede en Cee e especializada en ensino innovador para profesionais e empresas (idiomas, apoio, novas tecnoloxías da información), vai contar os días vindeiros coa presenza dun dos comunicadores referenciais do noso ámbito tecnolóxico-dixital. Falamos de Iñaki Pérez, coñecido como Quenerapú, especialista en deseño gráfico e web, programación, formación TIC, mercadotecnia e redes sociais, a quen puidemos escoitar recentemente en TEDxGalicia (falándonos da súa experiencia argallando a través das redes sociais e das metodoloxías do crowdfounding un gran desfile de soldados imperiais ao abeiro da celebración dos trinta anos de O Imperio contraataca) ou no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (no marco de Iniciador Santiago). En Cee, Quenerapú achegará un curso para aprendermos a Tirar partido das TIC.
Como dixemos, a actividade vén da man de Acerta Formación e artellarase en formato de xornada única, desenvolvéndose o luns 5 de setembro de 16:00h a 20:00h e abordando temas como por exemplo as mellores técnicas e recursos para buscar en Google ao xeito ou como converter arquivos aos formatos máis acaídos aos nosos intereses. En definitiva, o obxectivo de Acerta Formación é contribuír a mellorar as nosas habilidades coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. “Trátase dunha actividade de iniciación apta para calquera persoa que teña gañas de aprender a facer as cousas ben e rápido”, engade a academia, lembrando que a cita será nas súas instalacións en fronte mesmo do IES Agra de Raíces. Para matricularnos na actividade teremos que facelo a través do enderezo acertaformacion@gmail.com ou no 981 106 060.

PUBLICIDADE