InLugo realizou o ano pasado 300 actividades TIC para os maiores da provincia

venres, 29 de abril do 2016 Redacción

O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, vén de aprobar a memoria de actividades da entidade en 2015. Ou sexa, fixo reconto do acadado ao longo do ano pasado. Na sesión de aprobación estivo presente Darío Campos, presidente do organismo provincial, quen salientou o traballo feito pola Fundación en formación de calidade, promoción da provincia e labor social. Na memoria sinálase en 2015 superouse o número de actuacións respecto aos exercicios anteriores, con máis de 1.100 actividades. “Este aumento”, sinalou Campos, “concentrouse sobre todo no primeiro e último trimestres do ano no InLugo, cunhas 300 actuacións, xa que ampliamos á provincia os cursos e obradoiros e desenvolvemos novos programas con grande acollida entre os maiores”. Como lembraremos, un dos principais cometidos de InLugo (Centro de Innovación Social, emprazado no segundo andar da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC) é promover actuacións e servizos baseados nas TIC e encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico.
Nun plano máis específico, InLugo favorece con boa parte das súas actividades diferentes metodoloxías e técnicas de envellecemento activo e saudábel a través do emprego das novas ferramentas dixitais.
Amais do devandito, sinalar que o Padroado aprobou a conta anual do exercicio 2015, “cun grado de execución do presuposto do 82,88%”, que ascendeu a 1.608.937 euros.
Segundo comentou na sesión Darío Campos, sen dúbida unha das liñas de acción máis destacadas da Fundación TIC é o seu labor de asesoramento a formación ás persoas maiores de toda a provincia. “Un labor social”, dixo, “que ten aínda máis importancia se atendemos ao papel das novas tecnoloxías, que poden ser as nosas mellores aliadas para que os nosos maiores teñan unha mellor calidade de vida”.
O esforzo inversor neste apartado reflectiuse, dixo, “na boa acollida que tiveron as actividades organizas polo InLugo o ano pasado”. De feito, explicou que na súa sede realizáronse 94 cursos e obradoiros que tiveron unha alta demanda: 1.657 inscricións para 1.100 prazas convocadas. Ademais desenvolvéronse obradoiros por toda a provincia e programas como Memoria Dixital, Sempre en Activo, Camiña coas TIC, Nutretic e Engurras Tic. Outras actividades que acadaron grande éxito de participación entre os maiores foron as xornadas AberTIC; Día Mundial de Internet: Viaxa a mil e un lugar coas TIC; e Nadal: Sons e Recordos.
Segundo engadiu o presidente, outro dos obxectivos da TIC é promover o territorio da provincia como espazo axeitado para a rodaxe e produción de calquera tipo de obras de carácter audiovisual, neste caso a través da Lugo Film Commissión. En 2015 a Film Commssion realizou, dixo, “un exhaustivo traballo de documentación e arquivo fotográfico e de vídeo no que se recollen localizacións que poden servir de escenario a producións audiovisuais de toda índole. Este material está a disposición de todas as produtoras interesadas”.
Na sesión tamén se fixo saber que o ano pasado a Fundación TIC potenciou o programa de visitas didácticas, “aumentando o seu número e ampliado os grupos de idade aos que vai destinado, xa que o ano pasado participaron por primeira vez varios grupos de maiores, ademais dos alumnos de Primaria e Secundaria”. En total, 52 grupos, once máis que o ano pasado, que suman un total de 1.426 persoas, pasaron pola TIC para coñecer as instalacións da entidade así como as distintas especialidades do eido audiovisual que se imparten na EIS.

PUBLICIDADE