Imatia cumpre dez anos no desenvolvemento avanzado de software

venres, 3 de xullo do 2015 Redacción

Hai dez anos vía a luz unha proposta do docente e investigador do Departamento de Enxeñaría de Sistemas de Automática Fernando Vázquez, trátase de Imatia, a segunda spin-off da Universidade de Vigo. Centrada no desenvolvemento avanzado e rápido de software (con preto de 60 persoas empregadas), a empresa festexaba este mediodía nas súas instalacións de CITEXVI os seus primeiros dez anos de vida.
Especializada na creación de tecnoloxías para o deseño de programas que achegan solucións a medida para sectores industriais e administracións públicas, Imatia tamén leva a cabo un importante labor como socio tecnolóxico ou departamento externo de Investigación e Desenvolvemento (I+D), permitindo a moitas empresas delegar estas cuestións para centrarse nas necesidades da súa clientela. A creación de oportunidades profesionais para os e as tituladas universitarias galegos é outro dos aspectos salientados do proxecto desenvolvido por Imatia.
Volvendo ao acto conmemorativo de hoxe, Fernando Vázquez fixo saber perante empregados, clientes e investigadores que “traballando cóbado con cóbado coa Universidade demostramos que unha empresa pode saír dunha institución académica, que pode ser motor de innovación e xeración de emprego”. O director de Imatia tamén afondou nos atrancos sufridos nunha época de crise, que malia todo “nos fixo máis fortes e maduros”, asegurou, animando á comunidade universitaria a emprender, tal e como el fixo hai agora unha década.

PUBLICIDADE