IBM salienta que a compostelá SetPay empregue a súa tecnoloxía cloud

xoves, 29 de setembro do 2016 Redacción

Angel Moreu (IBM), Sam Lown (Cabify) e Xoán González (SetPay)

IBM anunciou que a empresa galega de pagamentos SetPay elixiu a tecnoloxía cloud de IBM para o desenvolvemento de novas tecnoloxías ligadas aos pagamentos con tarxetas bancarias. O seu produto estrela é un TPV móbil que permite a comerciantes e autónomos xestionar os seus pagamentos dende calquera localización mediante smartphone ou tableta e un pequeno lector.
O cobro con tarxetas é unha área tradicionalmente ocupada polos bancos que está a recibir a chegada de novas empresas grazas a tecnoloxías como a computación na nube, dentro do fenómeno que se veu a denominar FinTech. A proposta de SetPay consiste en que o dono dun pequeno comercio só precise dunha aplicación instalada na súa tableta e un lector conectado por tecnoloxía Bluetooth para realizar cobros con tarxeta onde queira e cando queira.
A tecnoloxía cloud de IBM facilitou á empresa SetPay, con sede en Santiago de Compostela, incorporar rapidamente novas funcionalidades á plataforma. A súa idea é seguir desenvolvendo funcionalidades e mesmo integrar a aplicación con outros sistemas, por exemplo, a xestión de inventario.
En palabras da súa CTO Xoán González, “a tecnoloxía na nube de IBM permítenos ensaiar e probar as nosas ideas de negocio de xeito doado e económico ademais de contar coa tranquilidade do autoescalado en momentos de alta demanda do servizo”.
A solución, moi adecuada para negocios en mobilidade, dispón dun sistema de información detallada sobre todos os ingresos, cancelacións e reembolsos. A empresa lanzou hai algúns meses a súa pasarela de pago online, preparada para a integración coas principais plataformas e-commerce como PrestaShop ou WooCommerce, na que ademais se poden vincular os cobros a través do seu TPV, unificando así a xestión de todos as vendas vía tarxeta bancaria dunha empresa nunha mesma solución.
“SetPay comezou a traballar connosco grazas ao programa IBM Global Entrepreneur e elixiu IBM Bluemix como plataforma tecnolóxica na nube para desenvolver os seus servizos. Unha vez finalizados os doce meses do programa, decidiu quedar connosco polo que lle achega tecnicamente a solución, o que confirma que a nube de IBM axuda aos emprendedores españois a sacar adiante as súas ideas”, explica Angel Moreu, directora de cloud en IBM España, Portugal, Grecia e Israel.
A plataforma como servizo na nube de IBM, Bluemix, axústase rapidamente ás necesidades dos clientes e permite aos desenvolvedores mesturar e combinar distintos servizos e ferramentas de aplicacións capaces de operar entre si. Bluemix ofrece aos desenvolvedores a potencia que necesitan sen ter que reconfigurar a infraestrutura.

PUBLICIDADE