Humanidades da USC achega un foro formativo continuo sobre o potencial das TIC no ensino

martes, 3 de marzo do 2015 Redacción

A Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) vai dar acubillo a unha actividade formativa para estudantes e docentes sobre as implicacións que o tecnolóxico está a ter (e terá) no ámbito docente. O curso, que será continuo, preséntase como un “foro de debate e reflexión sobre o novo paradigma que abre no ensino o mundo dixital”. A actividade desenvolverase de xeito presencial no devandito centro universitario lugués do 11 ao 14 de marzo. Preséntase baixo o epígrafe Enredad@s na rede: orientacións e recursos para a ensinanza das humanidades no mundo dixital, e ten o seu xermolo nunha cuestión ben concreta: o propio interese dos docentes da Facultade por manter activa e en constante desenvolvemento a discusión sobre as posibilidades que abren as TIC no ámbito formativo.
O curso, sinala a USC, presenta unha estrutura dinámica ao longo de preto de 20 horas de formativas repartidas en catro xornadas, do 11 ao 14 de marzo. As tres primeiras sesións programadas levaranse a cabo no salón de graos da Facultade de Humanidades en quenda de tarde, de 18.00 a 21.30 horas. As actividades previstas para a xornada de clausura deste curso trasladaranse á Aula de Informática do centro universitario lugués, que, en quenda de mañá acubillará diferentes relatorios nos que se abordarán as ligazóns entre a cultura dos libros e das redes ou a dispoñibilidade de materiais de apoio dixitais en lingua galega e castelán. Xa pola tarde, o curso rematará cun obradoiro sobre emprego de ferramentas dixitais.
A profesora do Departamento de Lingua Española da USC e coordinadora deste curso de formación continua, Mar Campos Souto, e a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abrirán o luns 11 a quenda de relatorios cunha aproximación respecto das vantaxes e dos riscos que depara a incorporación das novas tecnoloxías á docencia.
Segundo informa a USC, “a linguaxe dixital e a disposición de recursos e ferramentas para o ensino e a literatura e a lingua, a aplicación das TIC á difusión do patrimonio, o funcionamento electrónico dos arquivos e das bibliotecas non escolares e, entre outros, os dicionarios dixitais, serán algúns dos temas que abordarán os distintos relatores que impartirán esta actividade formativa”.
As persoas interesadas en formalizar a insc rición neste seminario poden facelo a través da páxina web da Facultade de Humanidades da USC, onde atoparán o formulario para cubrir cos seus datos persoais, así como outra información de interese para completar a matrícula.

PUBLICIDADE