Huawei xa vende máis que Samsung en España

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Tras compartir o liderado nas vendas de smartphones en España durante meses, os datos de Kantar Worldpanel reflicten un momento histórico, xa que Huawei, cun 18,9% de cota de mercado conseguiría superar por primeira vez a Samsung (co 18,8% do mercado), deixando clara a enorme competencia que no mercado de smartphones de gama media. De feito, no período analizado por Kantar os teléfonos máis vendidos serían o Huawei P9 Lite e P8 Lite por parte da compañía chinesa, e os Galaxy J5 e J3 por parte da compañía surcoreana.
Curiosamente, mentres Huawei e Samsung conseguen vender masivamente smartphones de gama media, a terceira compañía en vendas sería Apple, que tivo un pequeno medre, de xeito que chegou ao 13% dos smartphones vendidos, seguida por Bq (co 10%) e LG (co 9%).
Kantar considera que as boas vendas do iPhone son consecuencia principalmente da renovación de terminais iPhone 6 e iPhone 6 Plus (móbiles que no cuarto trimestre de 2014 conseguiran unha cota de mercado do 12,9%).
Os datos que manexan dende Kantar Worldpanel son relativos ao mes de novembro, e sumándolle os dous meses anteriores teriamos que en España a cota de mercado de Android sería do 86,5%, a de iOS de 13% e a de Windows do 0,5%, confirmando unha vez máis a extraordinaria situación de España, onde Android está bastantes puntos por enriba da media en cota de mercado.

PUBLICIDADE