Habilitado un plan para dixitalizar o posto de traballo dos empregados públicos galegos

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Redacción

Na rolda de prensa do Consello do Goberno galego, levada a cabo esta mañá, aprobábase o Plan de dotación e xestión sostíbel do posto de traballo, proposta que persegue acadar unha xestión dixital de todo o ciclo de vida dos documentos e procedementos administrativos. Con esta iniciativa, que se atopa inserida no proceso da eAdministración, prevese a posta en marcha de medidas que van dende a formación en novas tecnoloxías na EGAP até a dotación de medios TIC adaptados a novas necesidades.
Para isto cóntase cun investimento inicial de 4,2 millóns de euros co que, segundo o presidente Alberto Núñez Feijóo, renovarase o equipamento de computadores, acadarase a homoxeneización do software e a centralización das ferramentas de xestión dos equipamentos, aforrando a Administración 1,2 millóns de euros anuais, “ao que hai que sumar un aforro doutros 350.000 euros derivado da compra centralizada de equipamento”.
No eido do novo equipamento, o plan prevé a renovación inicial do 25% dos ordenadores da Administración autonómica (arredor de 3.200 computadores). Un total de 2.000 son renovacións de ordenadores en edificios administrativos e aulas de centros de formación xestionados pola Xunta; outros 1.200 ordenadores para centros públicos da área de benestar; 300 equipos de escaneado nas oficinas de rexistro; introdución dunha rede de videoconferencias en 9 salóns principais nas delegacións da Xunta, outros 13 equipos para salas e 33 máis portátiles para usos múltiples.
En canto ao software, comezarase co plan de migración a software libre en 500 postos de usuario e habilitarase un catálogo con software corporativo adaptado a cada posto de traballo, garantindo a sustentabilidade do modelo, a calidade no soporte aos usuarios e a súa xestión.
Sinalar que o plan tamén prevé a introdución dunha ferramenta de xestión integral dos postos de traballo, que permita a distribución masiva de software, o control remoto dos postos de traballo e dispoñer dun inventario automatizado.

PUBLICIDADE