HP contrata a 15 persoas con discapacidade mediante un acordo coa Fundación ONCE

luns, 28 de xullo do 2014 Redacción

A compañía informática HP vén de asinar un acordo coa Fundación ONCE polo que compromete a incorporar a 15 persoas con diversidades funcionais ou cognitivas durante os vindeiros tres anos no persoal da compañía tecnolóxica máis grande do mundo. O dito pacto -coñecido como Convenio Inserta- foi subscrito pola presidenta de HP para España e Portugal, Helena Ferreiro, e o vicepresidente executivo de Fundación ONCE, Alberto Durán, forma parte das accións que está a desenvolver Fundación ONCE no marco do Programa Por Talento para a formación e o emprego das persoas con discapacidade, coa co-financiamento do Fondo Social Europeo.
FSC Inserta, entidade para a formación e o emprego de Fundación ONCE, ten a misión de executar o Programa Por Talento, un instrumento que conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo (FSE). Este ambicioso proxecto está enmarcado no Programa Operativo de Loita contra a Discriminación 2007-2013, e constitúe un novo pulo a prol da integración sociolaboral do sector da discapacidade e da igualdade de oportunidades.
Alberto Durán subliñaba que “este acordo, ademais de supor unha oportunidade para achegar persoas con discapacidade á contorna laboral de HP, tamén o é para arbitrar solucións tecnolóxicas e ofertas nas que poidamos combinar algunhas das ferramentas que temos coas de HP, que son moitísimas máis”.
Cómpre dicir que ambas as entidades colaboran desde hai moitos anos para promover a inserción laboral das persoas con discapacidade. En 2013, HP asinaba un acordo coa Fundación ONCE polo que, amais de favorecer a incorporación directa ao mercado laboral deste colectivo, colaboraba con empresas do Grupo Fundosa na distribución de equipamento informático e servizos tecnolóxicos, así como na adquisición de bens e a contratación de servizos a centros especiais de emprego.
Engadir que coa sinatura deste convenio HP participa no Plan Non te Rendas Nunca, unha iniciativa de Fundación ONCE para fomentar o emprego entre os mozos con discapacidade.

PUBLICIDADE