Gradiant lidera nunha iniciativa europea para incrementar a competitividade das PEME: o proxecto Maven

mércores, 20 de novembro do 2013 Redacción

O centro Gradiant infórmanos dun novo proxecto, de amplo alcance, no que están a traballar os seus investigadores: unha iniciativa directamente encamiñada a facer máis doado o camiño das nosas pequenas e medianas empresas, un camiño inzado de dificultades (a competitividade é grande e as obrigas de estarmos ao día en materia tecnolóxica e dixital son cada vez maiores). Falamos do proxecto Maven, unha iniciativa de colaboración impulsada por sete socios europeos (entre os que se atopa Gradiant) que foi seleccionado pola Comisión Europea como un dos proxectos financiados dentro do programa Investigación para o beneficio das PEME, dentro do Sétimo Programa Marco. Como dixemos, o obxectivo do programa é pór en marcha investigacións aplicadas ás necesidades das pequenas e medianas empresas coa intención de que produzan beneficios a curto prazo.
A meta de Maven é desenvolver un paquete de ferramentas listas para o mercado, eficientes e robustas, que permitan a xestión e a verificación da autenticidade de contidos multimedia. O proxecto comezou oficialmente o día 1 de outubro de 2013, e estenderase durante dous anos, até o 30 de setembro de 2015. Segundo nos contan fontes de Gradiant, a iniciativa ten o seu xermolo nunha necesidade ben definida: a necesidade no mercado de prover á industria de solucións tecnolóxicas avanzadas, que sexan quen de operar nun rango amplo de escenarios reais (circuítos pechados de TV, imaxes web, broadcast, etcétera). Os resultados deste proxecto permitirán ás PEME, corpos de seguridade, axencias, compañías de seguros e medios de comunicación (entre outras empresas) xestionar os seus activos multimedia e verificar a súa integridade e autenticidade. Todo de forma adaptábel e eficiente, infórmase.
Sobre as actividades concretas a desenvolver ao abeiro de Maven, dicir que se proxecta xa dar forma a unha serie de ferramentas para a xestión e a seguridade dos activos multimedia. Os obxectivos do proxecto centraranse nestes dous conceptos: buscar e verificar. “Os dous integrados de xeito coherente”, informan dende Gradiant, onde tamén fan fincapé no feito de que arestora ningunha ferramenta de mercado soporta este concepto duplo de buscar e verificar xeito integrado.
O papel do centro galego no proxecto é de líder do mesmo, e como tal será responsábel da súa coordinación en termos xerais. Ademais, como membro activo do equipo de investigación, Gradiant dirixirá o desenvolvemento de novas e efectivas ferramentas no eido do recoñecemento facial, de texto e de linguaxe falada en contidos multimedia (eidos nos que ten salientado e salienta Gradiant a nivel mundial, tal e como demostran as súas múltiples investigacións nestes ámbitos) e a integración destas ferramentas xunto a outros módulos no demo funcional do proxecto.
O consorcio componse de catro empresas e tres centros de investigación:
· Amped. Empresa italiana pioneira no desenvolvemento de software para a análise e a mellora de imaxes e vídeo para aplicacións forenses, de seguridade e de investigación.
· Playence. Compañía austríaca que centra a súa actividade na vindeira xeración de solucións empresariais de procura. Os seus produtos solucionan as necesidades de acceso á información das empresas, mellorando a dispoñibilidade dos activos multimedia e reducindo os tempos de procura.
· Arthaus. Compañía de servizos tecnolóxico-dixitais de Macedonia, ofrece solucións de software a medida e de alta calidade para PEME de todo o mundo, ademais do seu propio paquete de produtos de software.
· Xtream. Empresa española con ampla presenza en Galicia, que desenvolve e fornece solucións de software en dixitalización avanzada, catalogación, xestión, arquivo e distribución (Dixital Signage, Web, IPTV, DTT) para os mercados institucionais, de seguridade e medios.
· Gradiant. Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, estruturado como unha fundación privada sen ánimo de lucro con base en Vigo. O seu obxectivo é a transferencia de tecnoloxía cara ás empresas e a industria.
· CNIT: un consorcio sen arela de lucro que xunta 37 universidades italianas ao redor da investigación básica e aplicada; máis polo miúdo a través das súas unidades de investigación da Universidade de Siena e de Florencia, o CNIT proporciona unha ampla experiencia en canto a tecnoloxías de seguridade multimedia.
· Universidade de Cagliari, a través do seu grupo de recoñecemento de patróns e aplicacións (PRA), cuxa misión é identificar asuntos fundamentais para o desenvolvemento dos futuros sistemas de recoñecemento de patróns en contextos reais.

PUBLICIDADE