Gradiant intercambia coñecemento co Centro Aeroespacial Alemán

martes, 22 de xullo do 2014 Redacción

O Proxecto LIFTGATE (Lifting Up the Research Potential of the Galician Telecomms Center), financiado pola Comisión Europea a través do seu sétimo Programa Marco, continúa vivo e achegando frutíferos intercambios de profesionais da investigación con entidades de primeira liña do ámbito europeo da Investigación e o Desenvolvemento (I+D). Ao abeiro desta iniciativa de enriquecemento colectivo, encamiñada nun plano específico a aumentar a competitividade do centro Gradiant como centro tecnolóxico a nivel europeo, abórdanse de cheo cuestións como a seguridade multimedia ou as comunicacións por satélite. Estas son, de feito, a columna vertebral dos máis recentes intercambios xerados entre Gradiant e o Instituto de Comunicación e Navegación do Centro Aeroespacial Alemán.
O Centro Aeroespacial Alemán (comunmente coñecido como DLR - Deutsches Zentrum für Luft-und Raumfahrt) é un centro de investigación de gran renome internacional cunha longa traxectoria de logros científicos no ámbito aeroespacial nos últimos 45 anos. O centro galego Gradiant realizou unha serie de comisións de servizo de persoal con DLR nos últimos meses co propósito de “intercambiar coñecementos no deseño de sistemas de transmisión de nova xeración para as comunicacións por satélite”. Segundo informa Gradiant, o que se fixo en primeiro lugar foi planificar e desenvolver a estadía do investigador Gabriele Boccolini, que desempeña o seu labor no centro galego, no Departamento de Redes de Satélites (SAN ) do Instituto de Comunicación e Navegación de DLR. En correspondencia, Gradiant acolleu a un investigador de SAN, Svilen Dimitrov, durante unha estancia de 4 semanas en marzo. Esta serie de comisións de servizo de persoal rematou a mediados deste mes de xullo tras unha estadía de tres semanas do director do Departamento SAN da DLR, nas instalacións do complexo tecnolóxico vigués.
“A través dunha serie de reunións de traballo e charlas técnicas”, informou Gradiant ao respecto deste intercambio profesional en concreto, “tivemos a oportunidade de familiarizarnos cos esforzos recentes da investigación sobre as comunicacións por satélite de nova xeración dirixida polo Departamento SAN en DLR”. E engade: “Os beneficios das comisións de servizo de persoal que teñen lugar ao abeiro de LIFTGATE non só son de natureza técnica (mellorar a experiencia e o coñecemento de Gradiant en temas específicos de investigación), senón tamén de carácter institucional, xa que estas accións axudan a establecer vínculos duradeiros con entidades de investigación de prestixio, como a propia DLR”.
Lembrar tamén que as comunicacións por satélite é un dos sectores do TIC onde Gradiant estivo investindo máis esforzos nos últimos anos, non só dentro de LIFTGATE senón tamén a través da súa participación noutros proxectos de investigación como BATS (tamén financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea).

PUBLICIDADE