Gradiant achega vieiros de futuro á prensa escrita coa súa investigación en realidade aumentada

luns, 20 de outubro do 2014 Redacción

A realidade aumentada é un ámbito de especial interese para o centro tecnolóxico Gradiant. Para quen queira saber a ciencia certa en que consiste o labor despregado por Gradiant nesta cuestión, dicirlle que no marco das Xornadas de Automatización Industrial (Vigo, auditorio AFundación, entre o 3 o 7 de novembro) os investigadores do centro van expor en detalle os seus últimos avances en realidade aumentada e posicionamento de interiores. Sobre a primeira, boa parte do que se fai en Gradiant tende a achegar novos horizontes para a prensa escrita. O xermolo disto está na constatación (xa hai anos, pero agora recruando) da fonda crise que vive o xornalismo e a comunicación tradicional: menos ingresos, menos lectores, menos publicidade. Dito doutro xeito, a menos anunciantes e menos posibilidade de interacción, menos opcións de supervivencia para a prensa escrita.
Ao devandito cómpre engadir a entrada en xogo de novas xeracións especialmente familiarizadas cos novos formatos e que non son quen de verlle atractivo a feituras tradicionais que non achegan contidos adicionais (as edicións dixitais si), nin posibilidade de compartir con comunidades, nin a comodidade de recibir información a través de diferentes linguaxes. Por outra banda, a industria da publicidade semella ter perdido o interese en levar a cabo as campañas de seu por estes vieiros. Resultado, un descenso inevitábel nas ventas.
Tendo en conta isto, e non sen certa lóxica, determinados investigadores internacionais están a argallar canles e recursos para que as tecnoloxías, en boa medida, compensen á prensa escrita pola caída de ingresos e lectores. Á cabeza destes investigadores está Gradiant, que achega xa unha solución para aumentar “as posibilidades da prensa escrita, engadindo contidos dixitais ás edicións en papel a través da realidade aumentada”. Esta tecnoloxía, informan fontes do centro galego, “levará á prensa escrita a un novo nivel, proporcionando a posibilidade de incluír unha canle de venda directa, comunicación con redes sociais e visualizar galerías fotográficas, vídeos ou obxectos 3D sobre o papel”.
Asemade, o obxectivo dos traballos de Gradiant é acadar que os espazos publicitarios tamén se vexan revalorizados, “debido a que agora a complexidade da campaña virá limitada pola imaxinación dos anunciantes e non polo espazo dispoñíbel no soporte gráfico”. Segundo engaden os investigadores do centro galego, a creación dos espazos publicitarios de realidade aumentada resulta “un proceso sinxelo e rápido”, sen ser necesarios coñecementos técnicos, grazas á ferramenta Gradiant AR Builder.

PUBLICIDADE