Google traballa en tecnoloxía de entrega de paquetes mediante drones

venres, 29 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Que Amazon estea a desenvolver a tecnoloxía que permita que drones realicen o reparto dos seus produtos non é ningún misterio, pero o que si o era é que Google tamén estivese a traballar nalgo semellante en Australia dentro do Project Wing que vén de desvelarse a través de Atlantic, publicación na que aseguran que a compañía leva 2 anos construíndo robots voadores que poderían entregar produtos ao longo dunha cidade nun par de minutos.
Esta iniciativa estaría a desenvolverse a través de Google X, a división de Google dedicada aos grandes avances tecnolóxicos, e polo momento xa conseguiron bos resultados transportando kits de primeiros auxilios, chocolatinas, larpeiradas para cans e auga a algúns granxeiros.
Polo momento esta tecnoloxía está a probarse en Australia, onde se dan as condicións orográficas e lexislativa ideais para este tipo de experimento, mentres que nos EE.UU. aínda teñen atrancos para poder facer uso destas solucións baseadas en aeronavas tripuladas remotamente.
O Project Wing tería rematado a súa primeira fase con preto de 30 voos de proba durante este mes. Durante estes últimos dous anos desenvolvería unha aeronave híbrida entre avión e helicóptero, capaz de despegar en vertical para logo xirar para voar en horizontal. O sistema solta os paquetes mediante un cable que conta con sensores que detectan cando se chega ao chan, para soltar o produto transportado.
Estamos así ante un dos moitos desenvolvementos relacionados coa robótica que Google podería amosar nos vindeiros anos, xa que recrutaron a numerosos expertos na materia que poderían sorprender con grandes innovacións, deixando claro que, ao igual que cos vehículos autónomos, Google quere ir moito máis aló dos servizos en liña á hora de relacionarse co mundo.


Vídeo no que podemos ver unha demostración do Project Wing

PUBLICIDADE