Google publica o software de cámara dos móbiles Nexus como aplicación independente

mércores, 16 de abril do 2014 Marcus Fernández

A aplicación de cámara abre moitas posibilidades a smartphones a partir de Android 4.4

A partir de hoxe non é preciso gozar dun smartphone da gama Nexus para poder gozar da Cámara de Google, pois vén de publicarse de xeito independente en Google Play, de xeito que calquera usuario cun móbil con Android ou tablet con Android 4.4 ou superior pode instalar esta aplicación que engade ás funcionalidades básicas de toma de fotografía e gravación de vídeo a posibilidade de crear fotografías esféricas envolventes de 360 graos (podendo ter as imaxes xeradas ata 50 Mpíxeles), empregar o efecto de desenfoque para destacar a profundidade das imaxes como se estivésemos a empregar unha cámara réflex, xerar imaxes panorámicas con alta resolución e poder empregar a máxima resolución do sensor da cámara.
Varios destes efectos están dispoñibles en móbiles de alta gama, pero con esta aplicación achéganse esas posibilidades a moitos máis dispositivos. Cómpre destacar que a funcionalidade de desenfoque, como acontece cos móbiles Lumia con cámara PureView (efecto coñecido como Nokia ReFocus), non se aplica no momento de capturar a imaxe, senón que a información de profundidade almacénase na propia imaxe para poder aplicar o efecto con posterioridade, o que facilita a aplicación deste tipo de afecto artístico.

A nova aplicación permite reenfocar as fotografías a posteriori

PUBLICIDADE