Google prepara o peche de Picasa

venres, 12 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Tras varios anos deixando o servizo de fotografías Picasa de lado para promover Google Fotos, finalmente Google anuncia que nos vindeiros meses vai retirar do servizo Picasa para centrar os seus esforzos nunha única plataforma fotográfica en liña e non desperdiciar recursos.
Por iso, dende Google instan aos usuarios de Picasa Web Albums a migrar as súas fotografías e vídeos a Google Fotos, aínda que no proceso perderían etiquetas, descricións e comentarios de Picasa, polo que están a preparar un novo espazo para os usuarios que queiran conservar toda esa información (permitindo a súa visualización, descarga ou borrado, pero non a súa organización, edición ou creación, xa que para iso teñen Google Fotos).
Aínda que os cambios non serán inminentes, adiantan que Picasa Web Albums deixará de funcionar con normalidade a partires do 1 de maio, mentres que a súa aplicación de escritorio deixará de recibir soporte o 15 de marzo, seguindo a funcionar a partires de tal data, pero non recibindo ningunha actualización posterior.
Queda así claro que Picasa é un servizo en proceso de desaparición, que apenas conserva usuarios activos, aínda que si contidos, de aí que Google queira que o seu desmantelamento sexa o menos traumático posible, ofrecendo distintas opcións, para que non se perciba como unha obriga o uso de Google Fotos, servizo que, por outra banda, é moito máis completo e moderno, contando con características como o almacenamento ilimitado de fotografías co que Picasa non pode competir.

PUBLICIDADE