Google podería lanzar un tablet con Chrome OS en novembro
mércores 18 de agosto do 2010, por |

- Imaxe orientativa do que podería ser o novo dispositivo de Google
Aínda que non é
ningún segredo o desenvolvemento do sistema operativo Chrome OS por parte de
Google, orientando o seu uso a dispositivos portátiles, dende Downloading Squad
concretan máis os detalles sobre o seu lanzamento, asegurando que a propia Google
está a preparar un dispositivo tipo tablet para esta nova plataforma de
software, que levaría a súa marca coma xa aconteceu co móbil Nexus One, pero
que desta volta non sería distribuído directamente pola compañía do buscador,
senón que sería a operadora Verizon a que comercializaría o equipo a partir do
26 de novembro, ou sexa, que estaría dispoñible no Black Friday (día no que comeza oficialmente a tempada de Nadal nos
EE.UU. e no que é toda unha tradición sorprender ao público con impresionantes
ofertas puntuais).
Tamén comentan que o dispositivo venderíase xunto a un contrato de datos móbil,
de xeito que estariamos ante un tablet subvencionado (algo que non acontece
actualmente co iPad) o que podería incrementar o seu atractivo, pois algúns
usuarios poderían incluso adquirilo de balde (ou case).
Do que non dan detalles é do hardware que conformará o novo tablet, pero parece
razoable pensar que integrará tecnoloxía nVIDIA Tegra 2, pantalla múlti-táctil
cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (para poder amosar vídeos a 720p), 2 Gb
de RAM, 32 Gb de memoria interna, Wi-Fi, Bluetooth, 3G, GPS, webcam e lector de
tarxetas de memoria, o que permitiríalle competir seriamente co iPad de Apple.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















