Google lanza fundas para móbiles para seareiros de Skrillex

xoves, 21 de maio do 2015 Marcus Fernández

Atendendo ao feito de que pasamos moito tempo cada día co noso smartphone, converténdose nunha extensión do noso estilo, dende Google decidiron que podían contribuír á personalización dos teléfonos a través de fundas de edición limitada que formarán a nova colección Editions, e que estrearase con 3 deseños inspirados polo produtor musical Skrillex e a súa fascinación polo espazo. Estas carcasas para o smartphone no só achegarán unha imaxe diferente, senón que tamén abrirán o acceso exclusivo a contidos de Skrillex e a un fondo de escritorio dinámico que estenderá o deseño da carcasa á pantalla do terminal.
Esta aplicación de fondo de escritorio amosará durante o día imaxes da Terra tomadas dende a estratosfera, mentres que pola noite mudará a súa aparencia para presentar as constelacións visibles dende a nosa posición actual. Para a captura das imaxes da Terra, Google e Skrillex lanzaron un globo satélite chamado Nanou (coma o can de Skrillex) e, cando remate a súa misión fotográfica, un dos seareiros do artista musical poderá facerse con este pequeno satélite autografado.
Os usuarios da Skrillex Live Case poderán acceder anticipadamente ao álbum OWSLA dende Google Play e recibirán actualizacións sobre Skrillex no seu teléfono. Tamén terán un atallo na Live Case para acceder ao fluxo musical de Skrillex en YouTube, aínda que tal botón pode personalizarse para abrir a nosa aplicación favorita, iniciar a cámara ou visitar a páxina web de Skryllex.
As fundas de Skrillex véndense en exclusiva a través da Google Store (aínda que polo momento non están dispoñibles dende España) e contan con versións para o Nexus 5, o Nexus 6 e os Samsung Galaxy S5, S6 e Note 4. Están feitas de policarbonato Lexan EXL-1414, pesan entre 15 e 27 gramos (en función do tamaño do teléfono) e comunícanse co terminal a través de NFC (que é o que facilita o desbloqueo dos contidos exclusivos, o que pode lembrar, por exemplo, ás figuras amiibo de Nintendo). O seu prezo de venda nos EE.UU. é de 40 dólares (35,98 euros).

As fundas de Skrillex están dispoñibles en 3 modelos distintos


Vídeo no que se presenta esta nova proposta de Google

PUBLICIDADE