Google confirma o seu recoñecemento ao Monte Pindo e ao traballo da asociación do mesmo nome

venres, 21 de outubro do 2016 Redacción

Google vén de recoñecer oficialmente, dende esta semana, a existencia do parque natural do Monte Pindo. E faino, segundo informa a Asociación Monte Pindo Parque Natural, equiparándoo en importancia con outros parques naturais “oficiais” existentes na nosa terra. A dita plataforma galega (unha fronte común a prol da conservación e recoñecemento do macizo granítico de Carnota formada por activistas, investigadores, persoeiros da política, da cultura e da docencia, veciñanza en xeral) tamén informou que Google, “ante a falta do recoñecemento e compromiso por parte das administracións públicas”, colocou á asociación coma xestora deste espazo. O paso dado por Google é un novo chanzo nunha colaboración coa asociación que xa deu froitos no mes de abril e que agora confírmase oficialmente, adiantando novos e interesantes froitos vindeiros.
Máis polo miúdo, a entidade carnotá xa lanzou o programa Trekker Monte Pindo, mediante o cal vanse comezar a mapear rutas do Monte Pindo e do seu entorno xeográfico para incorporalas á aplicación Google Street View. “Isto”, sinala a asociación, “permitirá que calquera persoa, desde calquera parte do mundo, poderá percorrer as principais rutas do Monte Pindo, e algo moitísimo máis importante para nós: que persoas que polas súas limitacións físicas e psíquicas nunca puideron ascender os seus cumios, agora poderán facelo de xeito virtual”.
Está previsto que os traballos de mapeo comecen a vindeira primavera. Os labores faranse con voluntariado seguindo un calendario previamente acordado coa compañía californiana. As persoas que desexen participar no programa como voluntarias poden inscribirse xa na páxina trekker.montepindo.gal.

PUBLICIDADE