Google anuncia unha plataforma aberta de desenvolvemento para móbiles

luns, 5 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Tras meses de rumores Google desvela o seu plan de entrada no sector da telefonía móbil, e como se viña falando, non se trata dun terminal de telefonía móbil en competencia co iPhone de Apple (alcumado Gphone), senón unha plataforma aberta para o desenvolvemento de dispositivos móbiles promovida polo consorcio Open Handset Alliance formado por unhas 34 empresas entre as que destacan fabricantes como HTC, LG ou Motorola e operadoras coma Sprint, NTT DoCoMo, Telefónica ou T-Mobile.
A nova plataforma toma o nome de Android e quere levar ós desenvolvedores un sistema de traballo máis colaborativo para adaptarse ás esixencias sempre cambiantes dos usuarios de telefonía móbil. Android comezará cun sistema operativo para móbiles moi agradable para o usuario tanto a nivel de interface como de aplicacións, aínda que ata a segunda metade de 2008 non poderemos ver terminais baseados nestas plataforma.
Durante a vindeira semana a Open Handset Alliance publicará unha primeira versión do kit de desenvolvemento de software para a súa plataforma, de xeito que achegará ós programadores as ferramentas para comezar a crear aplicacións para Android.
Preténdese que a nova plataforma achegue ós móbiles a Internet e os servizos da Web 2.0, de xeito que estariamos cada vez máis preto dunha converxencia entre a telefonía móbil e a Rede que poderá revolucionar modelos de negocio e dar lugar a numerosas innovacións.
Queda por saber qué farán as empresas coma Microsoft, Nokia ou Apple, ausentes do consorcio promovido por Google, e que xa teñen cadanseu sistema operativo para móbiles.

PUBLICIDADE