Ghost Trick: El Detective Fantasma estréase na App Store
xoves 2 de febreiro do 2012, por |
Hoxe chegou
á App Store o xogo Ghost Trick: El
Detective Fantasma, título que xa acadou un grande éxito na Nintendo DS
pola súa orixinalidade, que agora adáptase ás pantallas do iPhone/iPod Touch e
o iPad coma un título de balde no que se inclúen 2 misións, tendo que adquirir os capítulos sucesivos
para poder avanzar na historia dun detective que ten que descubrir o misterio
que rodea a súa propia morte a través dos poderes que ten en forma de pantasma.
Cada nivel ambiéntase nunha morte que poderemos ver, para retroceder logo 4
minutos no tempo, manipulando obxectos para evitar os asasinatos e así avanzar
no camiño da verdade do que provocou a morte do protagonista. Un curioso xeito
de mesturar unha historia de misterio cunha mecánica que poderiamos considerar
inspirada no clásico The Incredible
Machine.
O xogo, que pese ao seu vídeo de introdución en inglés inclúe textos en
español, permite a compra dos capítulos 3 ao 7 e 8 ao 13 por 3,99 euros cada
lote, aínda que tamén é posible adquirilos todos por 7,99 euros, o que vén a
ser moito menos do prezo que tivo o xogo na súa versión para a portátil de
Nintendo. É de agardar que esta política de prezos sexa todo un acerto, posto
que anima a moitos usuarios a dar unha oportunidade a un
título moi ben considerado pola crítica, para quedar enganchado ao mesmo e
verse forzado a pasar por caixa para seguir gozando da aventura.
Avance en vídeo da xogabilidade de Ghost Trick no iPad
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















