Gears of War 4 incluirase con tarxetas gráficas nVIDIA GTX 1080 e 1070

martes, 20 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 11 de outubro sairá á venda o agardado xogo Gears of War 4, que será un dos novos xogos en tirar proveito da funcionalidade Xbox Play Anywhere (ou sexa, que poderá mercarse en dixital para Xbox One incluíndo tamén o xogo para Windows 10), e que non só chegará acompañado pola comercialización dun mando Elite para Xbox One personalizado e un lote de Xbox One S con 2 TB de disco duro que fará as delicias dos seareiros da saga, senón que incluso terá bastante repercusión no mundo do PC, de xeito que a propia nVIDIA vén de anunciar que será posible mercar as súas gráficas GeForce GTX 1080 e 1070 co xogo de Microsoft Studios incluído, de xeito que os xogadores que se fagan con estas novas gráficas poderán gozar de Gears of War 4 cun nivel gráfico moi superior ao de consola, soportando a versión de PC tanto resolucións de 4K como pantallas en formato cinematográfico.
Dende nVIDIA xa destacaban o mes pasado que Gears of War 4 para PC tiña como tarxeta gráfica recomendada unha GeForce GTX 1060, que sería capaz de mover o xogo de xeito fluído a unha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, mentres que de conformarnos con Full HD podería ser dabondo contar cunha GTX 750 Ti. Os usuarios que queiran gozar de xogos como este en 4K xa terían que optar por gráficas como a GTX 1080, deixando claro que o hardware de PC máis potente permite niveis gráficos moi superiores dos que son posibles coas consolas de videoxogos actuais (e incluso coa futura PS4 Pro), aínda que tamén hai que salientar que para poder chegar a estes niveis non chega só con ter unha gráfica moi potente, senón que tamén hai que ter un equipo informático á altura, polo que o investimento nun PC para gamers é moito máis elevado do que é a compra dunha consola de videoxogos que claramente non será capaz de mover gráficos en ultra alta definición non xogo de acción.

Tráiler de lanzamento de Gears of War 4

PUBLICIDADE