Galicia ponse en segundo lugar en crecemento de factura electrónica

martes, 12 de maio do 2015 Redacción

Galicia vén de situarse en segundo lugar na clasificación de comunidades que atinxe ao nivel de uso da e-factura, só por detrás de Asturias. Estes e outros datos figuran no Estudo de Implantación da Factura Electrónica en España realizado polo grupo Seres, empresa que incide no importante avance levado a cabo en 2014 no emprego deste servizo dixital a nivel español (a media de todas as comunidades): pasouse dunha taxa de medre do 5,2% en 2013 ao 13,6%. Asemade, a investigación sinala que durante o primeiro semestre de 2014 as empresas estatais intercambiaron un total de 67.134.211 facturas electrónicas como dixemos, un 13,6% máis que no mesmo período do ano anterior).
No informe dise que a aposta por esta metodoloxía electrónica posibilitou un aforro de preto de 332 millóns de euros en recepción de facturas e 188 millóns na súa emisión. Como dixemos, as comunidades onde máis medra o número de emisores son Asturias (1,02%), Galicia (0,88%) Madrid (0,48%). Pola contra, en Murcia descende un 0,45%. Polo que atinxe ao número de empresas receptoras hai “poucas variacións”, exceptuando a suba en Madrid dun 0,82% e o descenso en Andalucía dun 0,79%.
En canto ás áreas de actividade, o sector servizos aumentou a súa participación un 20,08% na emisión e un 23,36% na recepción. No estudo dise que a suba débese, en boa medida, á entreda en vigor da Lei 25/2013, que obriga ao emprego desta metodoloxía dixital a partir do 15 de xaneiro de 2015 nos trámites coas administracións.

PUBLICIDADE