Galicia e Portugal queren promover na Rede os camiños xacobeos lusos

venres, 26 de agosto do 2016 Redacción

O Goberno galego e o de Portugal promoverán un acordo de colaboración entre os departamentos de Turismo de ambos gobernos. A través deste acordo, o departamento galego achegará a súa experiencia para a xestión das rutas xacobeas no territorio luso. Así o acordaron na reunión que mantiveron na capital portuguesa o director do Xacobeo (Rafael Sánchez) e a secretaria de Estado do Turismo de Portugal (Ana Mendes). Nesta xuntanza tamén se sentaron os alicerces para desenvolver accións de promoción conxunta en mercados turísticos como EE.UU, Brasil ou China. Ademais, Turismo de Portugal amosou o seu interese pola creación dunha páxina web específica sobre os camiños de Santiago que atravesan o territorio portugués.
A páxina web específica, sinalou Rafael Sánchez, estaría interconectada co sitio na Internet de Turismo de Galicia caminodesantiago.gal ao obxecto de ofrecer “unha visión unitaria da ruta xacobea portuguesa”.
Con 35.616 peregrinos ata o día de onte, o Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada no que vai de ano, unha vía que percorreron en todo 2015 un total de 43.151 peregrinos. Portugal foi o ano pasado o quinto país en número de peregrinos, con 12.481 persoas que realizaron o Camiño de Santiago.

PUBLICIDADE