Galaxia e Perro Verde presentan unha serie de contos en galego para iPad e iPhone

martes, 16 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Foro Internacional dos Contidos Dixitais que se celebra en Madrid, FICOD, vai dar acubillo á presentación de innovación galega de primeira liña. Entre outras propostas, cómpre salientar unha iniciativa que, alén do seu valor tecnolóxico, abre novos vieiros para a o noso xeito de achegármonos á cultura. Falamos de ContoPlanet, un proxecto xurdido da colaboración entre Editorial Galaxia e as empresas galegas Perro Verde Films e Milrayas (esta última achegando o alicerce tecnolóxico). Máis polo miúdo, presentaranse en FICOD, este mércores ás 18.45 horas, os primeiros cinco contos en galego preparados para seren descargados como aplicación para iPad e iPhone.
Isto permitirá que calquera usuario de Apple Store poida habilitar as pezas animadas no seu trebello móbil, con posibilidade de personalización e nas seguintes linguas: galego, castelán e inglés. Os contos en cuestión son: Puag, que noxo! e Un can no piso!, de Fina Casalderrey (ilustrados por Xan López Domínguez e Kristina Sabaite), Quen son?, de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide), Voces na lagoa do espantallo!, de Xan López Domínguez e Conto para non comer, de Oli (tamén ilustrado por Andrés Meixide).
Por certo que nun primeiro instante e durante un tempo habilitado para a promoción, Puag, que noxo! poderá descargarse de balde. “O usuario”, sinalan as empresas responsables da innovadora proposta, “vai acceder a unha experiencia interactiva que lle permitirá ler os contos, escoitar as locucións (feitas por profesionais do mundo da dobraxe galega) en tres linguas, ou gravar as súas propias para personalizar absolutamente o conto; deste xeito, cada libro é unha experiencia persoal, con zonas táctiles, efectos de son e animacións”.
Unha vez que o usuario acceda á librería de ContoPlanet na tenda de Apple, atopará as cubertas de cinco libros da colección Árbore de Galaxia para escoller cal quere descargarse.

PUBLICIDADE