GPUL Labs colle pulo cun completo programa de obradoiros, charlas e hackatóns

mércores, 27 de xaneiro do 2016 Fernando Sarasketa

Dende o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, establecido como lembraremos na Facultade de Informática da Coruña, veñen de recordarnos a súa arela de impulsar os GPUL Labs, unha iniciativa que o colectivo anunciou en novembro e que ten como obxectivo impulsar o potencial da nosa terra macrofactoría de desenvolvedores de programas de software libre. Agora, GPUL redobra esforzos con actividades concretas e sinala que os seus Labs teñen vimbios para xerar “un forte calado e unha gran repercusión entre a comunidade tecnolóxica”. Os GPUL Labs, unha volta de torniqueta dentro do que son as accións habituais do grupo (os Labs representan unha vontade firme de crear máis colectivo e ir tan lonxe neste propósito como sexa posíbel), diríxense a converter A Coruña e Galicia “nunha comunidade de desenvolvedores preocupados polo software, o hardware e a cultura libre”.
De xeito resumido, sinalan dende GPUL, os Labs son “unha serie de obradoiros, charlas e hackatóns de programacións baseados en tecnoloxías libres co obxectivo de realizar, de comezo a fin, un proxecto de desenvolvemento software traballando cunha Raspberry Pi e creando unha aplicación web, falando ao mesmo tempo de metodoloxías áxiles de desenvolvemento ou mesmo de boas prácticas como de review ou integración continua”.
Para quen estea interesada/o en xuntar forzas coa iniciativa, dicirlle que na web dos Labs pódese atopar toda a información sobre a actividade, ver as accións programadas, inscribirse nas mesmas e tamén facer seguimento dos vídeos e o material dos eventos. Segundo informa o grupo, practicamente cada semana, para facilitar o desenvolvemento da iniciativa, realizarase unha actividade sobre unha tecnoloxía diferente, ao longo duns tres meses, todo co obxectivo final de montar “unha enorme e activa comunidade de software libre na Coruña”.

PUBLICIDADE