GALPon retoma a partir do día 25 os seus Sábados Libres na Altamar

luns, 13 de xaneiro do 2014 Redacción

Volven os Sábados Libres na Altamar, o que é unha boa nova para usuarios e desenvolvedores de software libre pero tamén para calquera persoa que empregue ferramentas tecnolóxicas en calquera das súas manifestacións. Esta segunda edición dos Sábados Libres na dita residencia xuvenil viguesa vén unha vez máis da man da asociación GALPon e sen dúbida ten o mellor dos precedentes na primeira entrega do ciclo de relatorios e obradoiros, que foi todo un éxito. Esta nova edición desenvolverase o último sábado dos meses de xaneiro-xuño e setembro-novembro. Ábrense as xeiras este día 25, cunha actividade formativa da man de Xesús Amieiro Becerra, a desenvolver baixo o epígrafe Introdución ao Sistema de Control de Versións GIT.
Segundo informa GALPon, a asistencia ao obradoiro é de balde e está aberta ao público en xeral. Porén, polo limitado do aforo e pola complexidade do curso, estableceuse un límite de 24 prazas. Isto obriga a que sexa imprescindíbel formalizar a inscrición previamente. Recoméndase levar xa instalado no computador o paquete GIT e desaconséllase o uso de interfaces de usuario (IGU/GUI) durante a xornada. Este obradoiro terá unha segunda parte o sábado 29 de marzo tamén dirixido por Amieiro Becerra no que se afondará no uso de GIT. Lembrar que GIT é un software de control de versións deseñado por Linus Torvalds orientado a achegar eficiencia e fiabilidade no mantemento de edicións de aplicacións cando estas teñen un gran número de arquivos de código fonte.
A continuación damos conta dos obradoiros preparados para o primeiro semestre dos Sábados Libres na Altamar.

  • 25 de xaneiro. Sistema de Control de Versións GIT: Introdución. Obradoiro dirixido por Jesús Amieiro Becerra.
  • 22 de febreiro. Estatística con R: Introdución. Obradoiro dirixido por Miguel Branco, investigador no Depto. de Ecoloxía e Bioloxía animal, Universidade de Vigo.
  • 29 de marzo. Sistema de Control de Versións GIT: Afondamento. Obradoiro dirixido por Jesús Amieiro Becerra.
  • 26 de abril. Estatística con R: Afondamento. Obradoiro dirixido por Miguel Anxo Rodríguez Muíños, técnico informático na Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Consellería de Sanidade. Xunta de Galicia
  • 31 de maio. Programación orientada a obxectos con Python e Vala. Introdución ao concepto de obxecto e primeiros desenvolvementos. Obradoiro dirixido por Sergio Costas (aka rastersoft), desenvolvedor de diversos proxectos de SW
  • 28 de xuño. Programación orientada a obxectos con Python e Vala. Afondamento no desenvolvemento, uso de frameworks para Python e Vala. Dirixido por Sergio Costas (aka rastersoft), desenvolvedor de diversos proxectos de software libre.

PUBLICIDADE