Freelancer chega a España para favorecer o contacto entre profesionais independentes e as PEME
xoves, 26 de xullo do 2012
Freelancer.com, a comunidade internacional dos
profesionais independentes e as pequenas e medianas empresas (todos eles
colaborando de xeito conxunto en proxectos puntuais que de outro xeito, cunha
colaboración máis continua, dificilmente poderían darse), vén de chegar a España con web de seu. O seu obxectivo é contribuír a pór en marcha máis de 100.000 novos
negocios en menos de 6 meses, unha meta a todas luces ambiciosa que tira moitos
corpos de vantaxe con respecto ás aspiracións das iniciativas de pulo
empresarial preparadas polas administracións. Segundo contan dende esta
plataforma, a clave está en dar traballo á gran cantidade de persoas sen
traballo que están dispostas a tomar a iniciativa e levar a cabo os seus
proxectos. Neste senso, aclaran, Freelancer ten moito que dicir.
Freelancer acubilla arestora máis de 2 millóns
de proxectos, sendo a clave do seu funcionamento pór en contacto a profesionais
independentes e as PEME que teñen entre mans proxectos puntuais e de moi
variada natureza pero que non contan cos recursos para contratar a unha
traballadora ou traballador a xornada completa. O sitio web pon en contacto a máis
de catro millóns de profesionais en todo o mundo para traballar en iniciativas
de software (php, javascript, apps), redacción, promoción na Internet e nas
redes sociais, vendas, deseño gráfico e de sitios web, bases de datos,
contabilidade, servizos legais, enxeñaría ou ciencias, entre outros. Freelancer
chega a España logo da publicación dun estudo complementario feito sobre a base
de 15.000 españois no que se salienta que o 85% dos enquisados está “desilusionado coas iniciativas do goberno,
os bancos e a Unión Europea para cambiar a situación económica que deberían
actuar pola súa conta, crear novos negocios e traballar por conta propia para
impulsar o medre da economía española”. Freelancer, para quen queira
afondar nos obxectivos que amosa, tamén ten presenza en castelán nas redes
sociais, en Facebook e Twitter.