Franco estrea aplicación para o iPhone/iPod Touch

luns, 19 de abril do 2010 Marcus Fernández

Con certo rebumbio chega á App Store a aplicación iFranco, válida para iPhone, iPod Touch e iPad que recompila discursos, mensaxes de fin de ano e documentos multimedia relativos á figura de Francisco Franco por un prezo de 0,79 euros, e que podería ter certo éxito coma xa aconteceu na tenda de descargas de Apple con aplicacións coma iMussolini, Hitler, Joseph Stalin e mesmo iSilvio! (dedicada esta última a Berlusconi).
Este libro multimedia é obra do chileno afincado en Barcelona, Isak Aldunce Atuan, quen asegura que esta primeira edición da aplicación é biográfica, mentres que a segunda edición recompilará tamén novas e acontecementos durante a ditadura franquista para amosar «o outro lado da moeda». Tamén asegura que esta obra «non é unha creación, senón que é unha recompilación de diferentes fontes, organizadas de xeito que permita ao usuario consultalas en calquera momento», dirixíndose iFranco a «persoas con criterio formado» sen importar a súa tendencia, pois estariamos ante unha aplicación informativa e de índole histórica, e aínda que a versión actual estea recomendada para maiores de 4 anos, o autor asegura que a vindeira entrega será para maiores de 17 anos (pese a que o resto de aplicacións na mesma liña continúen a ter cunha cualificación de +4).
Polo momento iFranco inclúe unha biografía de Francisco Franco, unha cronoloxía con máis de 150 discursos e 35 mensaxes de fin de ano de entre 1931 e 1975, 10 arquivos multimedia para ver e escoitar vídeos e audio e a localización xeográfica do Val dos Caídos a través de Google Maps.

PUBLICIDADE