En Francia están se cadra como estaríamos nós no caso de que unha lei como a lei Sinde progresara. Ou, moi probablemente, peor. De feito, e segundo se informa na Rede, xa deu comezo no país veciño a segunda campaña de loita contra o intercambio libre de ficheiros na Internet, campaña que entre outras cousas inclúe o subministro masivo de advertencias de peche de billa dixital aos internautas que máis se leven impoñendo como campións da descarga. Estas e outras medidas abrollan dun organismo específico para estas actividades antipiratería, o chamado Hadopi, que xa informou que esta nova campaña de avisos virá acompañada do subministro a domicilio dunha carta certificada que garanta a recepción do propio aviso.
En caso de seguir reincidindo, os internautas que teimen no seu “comportamento” recibirán un terceiro e definitivo toque de atención. Isto significará entre outras cousas a entrada en xogo do xuíz correspondente, que logo de recibir un completo dossier sobre as actividades dos usuarios advertidos estará en disposición de cortarlles a conexión. Segundo fontes de Hadopi, a día de hoxe xa se fixeron chegar un total de 70.000 advertencias. O obxectivo é acadar os 10.000 ao día a partir de xuño de 2011, sendo o ritmo actual de 2.000 por xornada.

