Forte caída das páxinas web en galego segundo Alexa

venres, 27 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Dende Código Cero elaboramos mensualmente unha listaxe coas 100 páxinas web galegas máis populares segundo Alexa, un sistema de estimación da relevancia dos distintos nomes de dominio da Internet en función do uso rexistrado dende un amplo número de panelistas, que aínda que dista moito de ser un sistema preciso, sérvenos para medir a evolución dos distintos espazos web galegos, pero que nos últimos meses está a reflectir unha situación alarmante: a caída estrepitosa das páxinas web con contidos en galego.
Non é a primeira vez que acontece algo semellante, pois xa en 2008 denunciamos que un cambio no funcionamento de Google provocara unha forte caída no tráfico das páxinas web en galego, e agora parece estar a repetirse a mesma situación por mor da implantación no popular buscador da tecnoloxía Panda 4.0 para ofrecer aos usuarios resultados de maior calidade. Por que entón as melloras de Google tradúcense na perda de visibilidade do galego na Internet? Todo parece provocado polo feito de que a meirande dos galegos acceden á Internet dende ordenadores e sistemas operativos configurados en España, á vez que empregan para buscar a versión en español de Google (pese a que pode configurarse para operar en galego).
Cada vez e maior a fenda que separa os resultados entre Google en galego e Google en español, de xeito que unha páxina web que nun buscador figura na primeira páxina de resultado, no outro pode verse relegada á terceira, resultando invisible para un usuario medio, o que ten claras repercusións para a Internet en galego, o que agardarmos que dentro duns meses poida corrixirse en boa medida co dominio .gal, xa que a posible futura existencia de Google.gal podería facilitar o uso do buscador en galego, que daría prioridade aos contidos producidos na nosa terra e na nosa lingua.
A caída do galego no noso Top 100 pode visibilizarse claramente no primeiro medio de comunicación xeneralista presente, a CRTVG, que pasou de estar nun 7º posto hai 3 meses a figurar agora no posto 16. Máis esaxerada sería a caída de Meteogalicia, que pasaría do posto 19 ao 31; Galiciaé caería do 26 ao 33; Código Cero do 33 ao 40; Praza Pública do 47 ao 56; Galicia Confidencial do 37 ao 60; Cabozo do 54 ao 65; Sermos Galiza do 70 ao 95; Culturagalega.org do 76 ao 96; e, incluso habería dúas baixas no Top 100, que corresponderían a Diário Liberdade (do 65 ao 106) e Chuza! (do 89 ao 115).
En vista de que só a terceira parte das páxinas web presentes no noso Top 100 están en galego, de que caen en relevancia e incluso chegan a desaparecer da nosa relación, estamos a preparar unha segunda listaxe na que só figurarán as páxinas web en galego, para poder facer así un cumprido seguimento das máis populares, e poder reivindicar así tamén a súa visibilidade.

PUBLICIDADE