Feijoo promete un Xacobeo 2010 moi tecnolóxico

xoves, 14 de maio do 2009 Marcus Fernández

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, na rolda de prensa posterior ao Consello celebrado esta mañá, declarou que «este Xacobeo pretendemos que sexa un Xacabeo austero, moderno, tecnolóxico e espiritual», para o que xa iniciaron liñas de actuación en relación co financiamento, o acondicionamento das rutas e Camiños a Santiago, da sensibilización da poboación, da colaboración con outras entidades e das propostas máis innovadoras do Xacobeo 2010.
Feijoo asegurou que en xuño presentaríase o programa de promoción do Xacobeo, que por primeira vez aposta de xeito importante pola novas tecnoloxías «como unha ferramenta de promoción inédita potentísima para atraer visitantes e peregrinos», para o que xa iniciaron contactos con Google «para que este operadoras global da Internet estableza a posibilidade de percorrer o Camiño na súa totalidade dende calquera ordenador de calquera parte do mundo», no que dende A Nosa Terra estiman que podería ser un caso de aplicación da tecnoloxía Google Street View, o que polo momento limitábase a unhas poucas comunidades autónomas españolas.

Imaxe do Opel Astra que percorre as rúas galegas publicada polo diario A Nosa Terra