A web de Gmail quedou fóra de funcionamento durante 3 horas

mércores, 25 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Durante unhas 3 horas a web de Gmail quedou inaccesible para os seus usuarios

Este martes de Entroido moitos internautas alarmáronse ao ver que resultaba imposible acceder ao correo electrónico de Google dende as 10:30 ás 13:30 horas aproximadamente, o que a efectos prácticos supuxo quedar sen e-mail toda a mañá, creando tamén certa preocupación ante a dependencia que temos de servizos que ofrecen grandes compañías de balde e que no caso de incidencias provocan unha sensación de desamparo.
Aínda que o servizo quedou 3 horas inoperativo vía web, o acceso ao correo foi posible en boa parte deste tempo a través de POP3 e IMAP (ou sexa, a través de aplicacións de escritorio ou do móbil) pero estas vías de acceso a Gmail son pouco utilizadas, posto que as súas funcionalidades están dirixidas ao seu uso vía web.

Recadro de aviso dos problemas técnicos na páxina de axuda de Gmail

Durante o tempo de caída do servizo, Google colocou un recadro de aviso nun lateral da páxina de axuda do seu servizo de correo electrónico (onde non tiña precisamente moita visibilidade) anunciando que estaban a traballar en arranxar o problema, pero dando a entender que tardarían varias horas en facelo (como así foi).

Durante unhas horas o Gmail pasou a ser un Gfail

A compañía avisaba de que o problema «afectaba a un pequeno grupo de usuarios» pero os comentarios que aparecían en Twitter, foros e outros medios daban a entender que o certo é a situación era xusto a contraria, cun fallo xeneralizado nun servizo que durante varias horas alcumaron como Gfail.
Finalmente Google arranxou o problema e admitiu que o fallo foi a grande escala, aínda que non fixo públicas as causas desta incidencia que deixou incomunicados a moitos dos seus usuarios.

PUBLICIDADE