Faino ti foi o lema da última edición de TEDxGalicia

venres, 23 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Tras un pequeno axuste de calendario, a edición de 2014 do evento TEDxGalicia celebrouse no Pazo da Cultura de Carballo, enclave que cumpriu á perfección o seu papel de sede dun encontro con centos de asistentes no que unha boa selección de relatores ilustraban sobre diversos temas ao redor do lema deste ano: Faino ti.
Precisamente moi acaído coa temática da xornada os responsables de Vermis Project, Marcos e Enrique Saavedra, deron conta do movemento Makers, que mediante garaxes e laboratorios repartidos por todo o mundo para compartir coñecemento, resolver problemas e emprender proxectos revolucionarios están a democratizar a innovación grazas a tecnoloxías cada vez máis asumibles como as impresoras 3D ou a cortadoras láser. Todo un fenómeno que vai contribuír a mudar o mundo que nos rodea.
Blanca Olivié instou á reflexión sobre o obxectivo vital de cadaquén; Lucía Santiago presentou o proxecto Onde hai MÚSICA; Pedro Giménez abordou a necesidade da responsabilidade social corporativa e da necesidade de trasladar os valores das ONG á empresa; María Castro deu conta do seu proxecto solidario Juntos Podemos, un exemplo de participación e actuación cidadá; Ana Corredoira deu conta da revolución que estaban a experimentar na súa granxa; e Juanjo Díez puxo en valor o rol da música.
Tras estes relatorios, Iván Gómez de Classora, quixo expor as chaves da tecnoloxía da súa empresa, que aborda temas tan de actualidade como o big data e o open data, para o que se valen de robots integradores e robots semánticos, facilitando converter a grande cantidade de datos que hai na Internet en información, que finalmente poida traducirse en coñecemento. Unha peneira datos que permitirá tirar proveito á revolución da información que estamos a vivir.
Pola súa banda, Iñaki Quenerapu contou a súa experiencia organizando un desfile de persoas disfrazadas de soldados imperiais en Santiago de Compostela para celebrar o 30º aniversario de O Imperio Contraataca, o que vén a ser un magnífico exemplo de aplicación da teoría de tribos que sostén Seth Godin, ou sexa, que as redes sociais facilitan que tarefas titánicas poidan levarse adiante grazas ás posibilidades do crowdsourcing e á auto-xestión que xorde de xeito natural de comunidades cun obxectivo común.
Despois de que a artista Milagros Cotelo narrase a súa historia de superación, Jorge Cebreiros quixo reivindicar o papel dos empresarios na nosa sociedade, como creadores de emprego e riqueza, e destacando que a meirande parte dos empresarios son os que están detrás da meirande parte dos negocios que temos en España, onde impera a PEME, e que cos seus valores conseguen manter a nosa economía.
Para rematar, Fernando Sánchez Salinero denunciou a situación actual da nosa sociedade cada vez mais polarizada, que deu en chamar Extremistán.

PUBLICIDADE