Facebook supera os 100 millóns de usuarios

martes, 26 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Morin informando a través de Twitter do momento histórico para Facebook

A rede social de maior crecemento do mundo, Facebook, vén de superar a barreira dos 100 millóns de usuarios, segundo publicou un dos seus directivos, Dave Morin, dende a súa conta de Flickr.
O principal competidor de Facebook, a rede social de MySpace, xa superou os 100 millóns de usuarios en 2006, polo que continúa a levarlle a dianteira, aínda que cómpre destacar que o perfil de usuario de cada unha das redes é moi diferente, de xeito que en MySpace destaca a presenza de grupos musicais, mentres que Facebook se ve máis coma un lugar de encontro entre estudantes universitarios.
Ambas plataformas tamén teñen certos problemas para garantir a súa supervivencia a longo prazo, pois resulta difícil rendibilizar os seus servizos, especialmente no caso de Facebook, que ten uns ingresos publicitarios bastante reducidos en contraste co seu éxito de público.