Facebook quere blindar a súa estratexia a longo prazo

xoves, 28 de abril do 2016 Marcus Fernández

Os resultados financeiros do trimestre que rematou o 31 de marzo foron moi positivos para Facebook, conseguindo case dobrar os ingresos con respecto ao ano pasado (destacando o feito de que o 82% dos ingresos corresponden á publicidade dende o móbil) e triplicando os beneficios, deixando claro que o rumbo marcado por Mark Zuckerberg é atinado e, para que non se perda este enfoque ao largo prazo, o fundador de Facebook propón a creación dun novo tipo de participacións na compañía que non terían dereito ao voto (como fixo Google hai un par de anos), de xeito que impediría que certos investidores poidan influír na dirección da compañía.
Dende a actual dirección de Facebook consideran que o éxito da compañía é consecuencia directa da visión e xestión de Mark Zuckerberg, polo que cren que a nova estrutura de capital da empresa facilitará que poidan manter o foco na visión a longo prazo que ten Zuckerberg, a quen manterían así involucrado no liderado da empresa, á vez que reducirían os riscos de sucesión e a futura dilución dos seus poderes de decisión.
Este tipo de estruturas permiten que as compañías cotizadas en mercados bolsistas poidan manter certa independencia, evitando así as presións que leven a topar decisións a curto prazo, deixando claro que Facebook non pretende funcionar como unha empresa tradicional. Deste xeito os grandes proxectos de investigación e desenvolvemento non se verán ameazados polas ansias de reparto de dividendos, e permitirá que Facebook poidan continuar a asumir riscos como a compra de Instagram, Oculus VR ou WhatsApp, que a longo prazo parecen estar a resultar axeitadas, facilitándolle unha posición de mercado moi prometedora de cara a un futuro ao que resulta moi complicado anticiparse.

PUBLICIDADE