Facebook incrementa un 63% os seus ingresos trimestrais

xoves, 28 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Os resultados económicos de Facebook para o segundo trimestre de 2016 parece que non podían ser mellores, xa que a compañía de Mark Zuckerberg presentou uns datos que demostran a súa magnífica saúde cun incremento interanual de ingresos do 63%, chegando aos 6.329 millóns de dólares, pero non só a nivel económico as cousas apuntan ben, senón que a súa plataforma tamén está a presumir dunha grande saúde operativa, cun incremento do 17% no número de usuarios activos ao día (chegando aos 1.130 millóns en xuño) que no caso do móbil aínda sería mellor (cun incremento do 22% chegando aos 1.030 millóns de usuarios).

Volume de usuarios activos nas principais plataformas sociais segundo publicou a CNBC

Nun cómputo mensual Facebook tería 1.710 millóns de usuarios activos en xeral e 1.570 millóns de usuarios activos no móbil, resultados sen igual, especialmente se os comparamos aos 500 millóns de usuarios activos ao mes que ten Instagram, aos 313 millóns de Twitter ou aos máis de 100 millóns de Snapchat.
Actualmente Facebook está a trunfar no contorno móbil, o que tradicionalmente era un oso duro de roer, pero o futuro da empresa aínda ten moito espazo para a innovación e novos negocios e, de feito, Mark Zuckerberg confía en que a súa aposta pola realidade virtual de Oculus Rift poida converterse en todo un fito para a compañía nos vindeiros anos.

PUBLICIDADE