Facebook dobra o seu número de usuarios en España no último trimestre

luns, 26 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Evolución global do número de usuarios en Facebook

Os usuarios habituais de Facebook puideron ver coma nos últimos meses esta plataforma para redes sociais gañaba popularidade en España, de xeito que persoas das que había tempo que non sabían nada aparecían coma usuarios do sistema, e agora publican as cifras que confirman esta sensación: Facebook superou os 40 millóns de usuarios novos en 90 días.
Actualmente Facebook ten máis de 110 millóns de usuarios activos en todo o mundo, pero o feito de que no último trimestre se incorporasen máis de 40 millóns supón toda unha revolución, aínda que nalgúns países trunfen plataformas alternativas (20 millóns de xaponeses usan Mixi, en Portugal arrasa Hi5, en Rusia e Ukrania 26 millóns de usuarios optan por Vkontakte, Orkut suma 67 millóns de usuarios en Brasil, India e Pakistan, etc.).
O crecemento global de Facebook no último trimestre foi o maior da súa historia, o que en España se notou especialmente, pois de outubro a xaneiro pasouse de 1.540.980 a 3.035.040 usuarios, ou sexa, que o servizo dobrou a súa base social, sendo un dos incrementos máis importantes nun país desenvolvido, aínda que superado por Italia, onde Facebook triplicou o seu número de usuarios achegándose aos 6 millóns e medio.
No caso español teriamos que xa non se pode asegurar claramente que Tuenti é a rede social máis utilizada, entendendo que iso é así só nunha franxa de idade en concreto (con usuarios de entre 15 e 25 anos), mentres que de xeito xeral Facebook estaría a arrasar, especialmente porque o seu crecemento aínda está lonxe de frear (mentres que Tuenti ten unha barreira auto-imposta, que de rachar podería facerlle perder a súa identidade).

PUBLICIDADE