Facebook activa en España as súas novas opcións de sexo

mércores, 23 de xullo do 2014 Redacción

Facebook non quere seguir quedando atrás con respecto a outras alternativas 2.0, polo que os seus responsábeis espremen cada pouco os miolos na procura de cousas que amañen eivas previas ou recursos que non teña ningunha outra rede social. O máis recente neste senso é a posta en marcha dunha opción que ten un aquel de tecnolóxico pero tamén un aquel importante de inclusivo e normalizador das diferentes características persoais das usuarias ou usuarios. En concreto, Facebook activou en España a opción de sexo personalizado, unha funcionalidade que posibilita a calquera membro da rede amosar sen atrancos a súa identidade sexual. Trátase pois dunha opción para expresarmos libremente a nosa opción. Con isto, supéranse por fin as lóxicas limitacións de establecer unicamente as categorías tradicionais de home e muller.
En virtude desta novidade, quen empregue Facebook poderá seleccionar a alternativa de sexo personalizado. Esta opción está xa operativa dende comezos de ano en Estados Unidos, a novidade é que agora chega a países como España. Grazas a ela, poderemos seleccionar o pronome co que desexemos que se nos coñeza publicamente. Ou sexa, masculino (el), feminino (ela) ou neutral (ello, iso ou isto en galego).
Lembrar que estes cambios teñen a súa raizame na cooperación dos responsábeis do servizo 2.0 con diferentes organizacións de Estados Unidos centradas no recoñecemento dos dereitos dos colectivos homosexuais, transexuais e bisexuais. A medida complementouse con traballos conxuntos desenvolvidos en compaña da Fundación Triángulo e a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (FELGTB).

PUBLICIDADE