FACUA reivindica unha tarifa plana de datos para o móbil

xoves, 23 de outubro do 2014 Marcus Fernández

FACUA-Consumidores en Acción realizou un estudio comparativo sobre as tarifas dos bonos de Internet móbil, o que consideran que é o novo grande negocio das operadores de telecomunicacións, por contar con tarifas absolutamente desproporcionadas cando se esgotan os datos incluídos nas súas tarifas mensuais, algo que en moitos casos acontece xa nos primeiros días do mes dado que cada vez faise un meirande uso da Internet dende o móbil.
Dende FACUA constatan que contratar 1 Gb adicional a velocidades 3G/4G vai dende os 6 euros de Yoigo e Simyo até os 11 euros de Vodafone, operador que xunto a Orange é o máis caro para un maior uso de datos. Contratar 5 Gb adicionais vai dende os 27 euros de Simyo até os 51 e 51,20 euros de Vodafone e Orange respectivamente; mentres que para 10 Gb as ofertas van dos 36,08 euros de Másmóvil até os 102,40 euros de Orange, contraste de prezos difícil de xustificar.
A organización de consumidores critica así que este factor teña cada vez máis peso nas facturas dos usuarios, considerado que as compañías están a aproveitar a ausencia de tarifas reguladas para impor tarifas descomunais, de aí que decidiron iniciar unha campaña para pedir unha tarifa plana móbil do mesmo xeito que cando comezaron os accesos domésticos á Internet en España houbo campañas para pedir unha tarifa plana de acceso á Rede dende o fixo. Esta iniciativa difúndese nas redes sociais mediante o cancelo #tarifaplanainternetmóvilYA.
FACUA insiste na necesidade de que o Goberno considere que a Internet móbil sexa un servizo universal, o que permitiría que o Executivo puidese fixar os prezos tanto dos bonos como dunha tarifa plana de datos que todos os usuarios poderían contratar con calquera compañía, o que non pecharía as portas a que as compañías lanzasen outras ofertas. Consideran que neste caso habería que intervir o sector como aconteceu cos prezos de telefonía en itinerancia, que ante as malas prácticas dos operadores de telecomunicacións tiveron que someterse a unha regulación a nivel europeo.

Táboa cos bonos de datos en outubro de 2014

PUBLICIDADE