Expertos reunidos na xornada Internet das Cousas conclúen que estas deberán ser útiles, cotiás e recoñecíbeis

venres, 19 de decembro do 2014 Redacción

A Internet das Cousas refírese a unha rede de obxectos de usos cotiáns interconectados, singularmente identificábeis e virtualmente representábeis. Así se definiu este venres a este novo fenómeno tecnolóxico que nos colle tan de preto (atinxe a obxectos cotiáns, de feito esta é unha das principais características: se non son son cotiáns, non falaremos da Internet das Cousas) nunha xornada organizada por AMTEGA no Edificio CINC da Cidade da Cultura. Ao remate deste seminario de expertos e os seus relatorios, entregáronse os premios do concurso de aplicacións móbiles de Faite Dixit@al, ao que se presentaron 12 aplicacións, e cuxo gañador recibiu de mans de HP un ordenador portátil convertíbel en tableta.
Foron entregados, ademais, catro diplomas, ás mellores aplicacións en canto a perspectiva de negocio, valor social, deseño e usabilidade.
Previamente, celebrouse o faladoiro dixital sobre a Internet das Cousas propiamente dito. As charlas estiveron moderadas por Manuel Velardo, director xerente do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías de Información e a Comunicación baseadas en Fontes Abertas (CENATIC).
Na xeira de relatorios interveu, entre outros, Rodrigo Martínez, xefe de proxecto do Instituto Tecnolóxico Hostaleiro (ITH), quen afondou no que significan e no que achegan as tecnoloxías abeiradas ao concepto de Internet das Cousas, e de como son froito de aparellos e servizos que xa vimos pero que evolucionaron sen que apenas nos decataramos. Malia esta continuidade, dixo, sempre hai un compoñente de abraio na vangarda das TIC, a evolución da tecnoloxía sorprende tanto como a tecnoloxía mesma. E máis se temos en conta que a evolución tecnolóxica é unha liña que semella concentrar acontecementos nos nosos días, sinalou (todo sucede máis rápido na actualidade, e todo é máis pequeno, manexábel e económico). Ademais de reducirse o tamaño e o custe, explicou, afiánzase o estilo de vida conectado e dixital. A Internet das Cousas suma as ditas características aos factores “familiaridade” e “utilidade”, engadiu o relator, que basea nestes conceptos boa parte do proxecto no que traballa, ITH Smart Hotel Now, dotado de IOT Technology para a interacción entre usuarios e hoteis a través da primeira app hostaleira capaz de adaptar espazos e experiencias á medida de cada hóspede.
Outro dos relatores que interveu na xornada foi Ismael Faro, asesor e mentor tecnolóxico, que fixo un percorrido polos diferentes elementos relacionados coa Internet das Cousas, comezando polo que está situado enriba das nosas cabezas (tecnoloxías como os drons, cos que se pode facer importantes estudos da nosa contorna xeográfica, mesmo para incrementar a rendibilidade das nosas explotacións agrarias) para baixar cara ao que está máis ao nosa altura, como por exemplo os coches conectados, os servizos de localización, as cidades intelixentes e os seus elementos (servizos que informan nunha cidade os intres e os espazos urbanos onde se xera máis actividade comercial) ou os desenvolvementos tecnolóxicos inseridos na eSaúde (como por exemplo un miúdo aparello de Google que nos mide a glicosa no sangue, do que achegou unha imaxe e unha miúda explicación).
Pola cita tamén pasaron Marcos Saavedra (co-fundador do estudo Vermis Project e director da oficina española da empresa, responsábel do proxecto Vermis, finalista do Fujitsu Design Award 2011), José Manuel Ruiz Pérez (co-fundador e CEO de Smarttek, empresa tecnolóxica adicada ao desenvolvemento e comercialización de aparellos de robótica para o fogar, con liñas de traballo en I+D+i para a o traballo intelixente dos dispositivos eléctricos e electrónicos conectados á Rede) e Miguel Ángel Montero (membro da Comisión de eSaúde de AMETIC, Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Comunicación, Telecomunicacións e Contidos Dixitais),

PUBLICIDADE