Expertos na interacción home-máquina expoñen as súas achegas en Vigo

mércores, 6 de xuño do 2012 Raquel Noya

A escola ten matriculados alumnos e alumnas procedentes de 13 países

Por máis que o seu nome: a AERFAI Summer School 2012, nos recorde a unha beca anual para boy scouts americanos, o certo é que este programa nada ten que ver con actividades de campamento, aínda que nun futuro, grazas ás súas achegas tecnolóxicas, non descartamos que poidan facer moito por este colectivo.
Falamos da Asociación Española de Recoñecemento de Formas e Análises de Imaxes (AERFAI) que dende o pasado luns está a celebrar en Vigo a súa Escola de Verán para estudantes interesados na robótica e as súas aplicacións, nun encontro con expertos internacionais na interacción home-máquina, que expoñen os resultados das súas investigacións sobre ferramentas para dotar ás máquinas de capacidade para recoñecer accións e estados emocionais humanos.
Ata o vindeiro venres, 8 de xuño, investigadores de categoría mundial e estudantes de trece países, entre eles Estados Unidos, Alemaña e Xapón, participan nesta xuntanza tecnolóxica, que a AERFAI lle confiou ao profesor José Luis Alba e ao Grupo de Tecnoloxías Multimedia (SC9) da Universidade de Vigo.
Na organización do evento tamén participou o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, así como a Universidade de Porto, con quen Alba sinala ter “incipientes relacións de investigación”.
Concibido como unha escola de verán internacional, no encontro preséntanse as técnicas máis actuais no campo da interacción da máquina coa humanidade, que van desde o recoñecemento de accións humanas, expresións ou, mesmo emocións, ata a análise do contido semántico da comunicación e do seu impacto no comportamento humano.
O que se trata é de dotar aos estudantes que estean coas súas teses de doutoramento “unha base sólida para dirixir as súas liñas de investigación no tema da escola”, explica Alba, ao que engade que “para isto contan non só coa visión dos relatores, elixidos para dar unha visión completa do problema, senón tamén con sesións prácticas e, non menos importante, a interacción mutua entre eles”.
Nesta peculiar escola de verán participan un total de 40 estudantes e sete relatores de compañías de prestixio no sector, como por exemplo Microsoft.

PUBLICIDADE