Expertos en protección de datos daranse cita en Santiago a comezos de novembro
xoves, 21 de outubro do 2010
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai xuntar en Santiago de Compostela no vindeiro mes de novembro a algúns dos máis salientables especialistas en seguridade informática do eido estatal. O motivo será a celebración das Xornadas Empresa-Protección de Datos-Administración Electrónica, que se desenvolven do 2 ao 4 de novembro e que van dirixidas, como o seu propio nome indica, a achegar información útil sobre os mellores métodos a pór en práctica para que as persoas e a súa privacidade non fiquen ao descuberto nas redes. Na organización do encontro colaboran a Xunta de Galicia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e o Centro de Estudos Cooperativos da mesma universidade.
Segundo avanza o CPEIG, “é preciso crear e transmitirlle confianza aos usuarios das novas tecnoloxías para que cedan os seus datos de carácter persoal e que estes vaian seguros e protexidos polas redes de ordenadores; o éxito do verdadeiro despegue do comercio electrónico e das relacións informáticas coa Administración dependerá da seguridade ofrecida para que a cidadanía os empreguen”.
Nos encontros participarán, máis polo miúdo, membros da Axencia Española de Protección da Datos, investigadores universitarios e outros especialistas en protección da información persoal. O emprazamento elixido para este diálogo será a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
A inscrición nas xornadas Empresa-Protección de Datos-Administración Electrónica é de balde, aínda que con límite de prazas. As persoas inscritas recibirán un certificado de asistencia e os/as estudantes, ademais, un crédito de libre configuración. O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de outubro.
